Borja Iglesias adéstrase parcialmente co grupo e avanza na súa recuperación
No Celta confían en que o santiagués poida xogar o sábado ante o Valencia
O dianteiro do Celta Borja Iglesias incorporouse de maneira parcial ao grupo no adestramento do equipo vigués deste martes. O compostelán comezou a semana traballando individualmente na sesión que marcaba o final das vacacións celestes, pero agora deu un paso máis para cumprir os prognósticos de Claudio Giráldez, que contaba con poder ter ao máximo goleador do equipo dispoñible para a visita do Valencia a Balaídos no primeiro partido do 2026, este sábado.
Xunto con el, seguen no parte médico Carlos Domínguez -cunha rotura fibrilar no adutor da coxa esquerda- e Pablo Durán -cunha lesión ligamentosa en ombreiro esquerdo-, que xa comezaron a semana reiniciando o traballo co grupo de forma parcial e que por agora non fixeron novos avances no segundo adestramento da semana.