Publicador de contidos

Publicador de contidos

Amplían o radio de busca da muller desaparecida hai dous días en Lalín

Amplían o radio de busca da muller desaparecida hai dous días en Lalín

Chámase Clotilde, ten 53 anos, e vestía xersei azul, cazadora e pantalón gris, e botas negras

Busca a pé, apoiados pola unidade de cans da Garda Civil e por varios drons

G24.gal 19/11/2025 14:44

Busca das complicadas, cun dispositivo amplo que se reparte, tirando máis de fe, que de pistas fiables. 

"Non descartamos ningunha área concreta, non temos tampouco referencia. Estamos ampliando toda a área de busca que comprende toda a periferia de Lalín", explica Roberto Pampín, capitán da Garda Civil de Lalín.

"Non temos ningunha pista clara, nin temos ningún avistamento nin roupa nin nada. O que estamos facendo é baseándonos nas achegas dos familiares sobre os seus costumes, facendo fincapé nos soutos, onde hai castiñeiros, porque lle gustaba ir recoller castañas neste tempo", engade Víctor Blanco, xefe do GES Lalín.

Chámase Clotilde, ten 53 anos, e problemas de saúde, de mobilidade e tamén de orientación. Cando desapareceu levaba posto un xersei azul, cazadora e pantalón gris, e botas negras. Por lóxica, non debería estar moi lonxe.

"Aquí nestas zonas que están á beira de Lalín, como moito a 200 metros hai unha casa. É un pouco raro que en todo este traxecto ninguén a vira", sinala Blanco.

O paso das horas non axuda e preocupación vai en aumento. 

"Bastante preocupados porque leva dous días xa e as noites aquí en Lalín caeron moi frías e ten que ser moi difícil para a familia", lamenta Iván Fiúza, un dos voluntarios que quere sumar forzas co seu dron.

Tamén están os drons da Axega e os da Garda Civil, que ademais botou man da unidade canina de Zamora para as zonas máis complexas. Son cans que seguen o rastro de persoas vivas. Buscaron polo Espiño, porque alguén creu vela por alí o luns, o día que faltou, pero, de momento, nada. 

"Que sexa unha persoa nova pode supoñer que teña máis aguante para pasar varias noites á intemperie se conseguiu refuxiarse nun sitio adecuado", confía o xefe do equipo de emerxencias de Lalín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade