Alta sinistralidade en Alfonso Molina, porta de entrada da Coruña
A densidade de tráfico e os cambios de carril provocan numerosos accidentes e retencións
As autoridades recomendan respectar a distancia de seguridade e non facer cambios bruscos
Uns 120.000 vehículos transitan a diario por Alfonso Molina, un dos puntos con maior sinistralidade de Galicia. De feito, esta mañá houbo un accidente na con 9 vehículos implicados, pero sen feridos, que colapsou a entrada á cidade esta mañá. Houbo que cortar dous carrís, o que xerou atascos quilométricos, que chegaron ata A Pasaxe e mesmo á AP-9. Debido ás retencións, algúns condutores estiveron atrapados nos vehículos durante máis dunha hora.
A unión do tráfico da AP-9 co dos usuarios que van ou veñen aos polígonos industriais desde concellos da contorna provoca numerosos sinistros e longas retencións. Choques laterais, alcances e saídas de vía que adoitan producirse nos cambios de carril.
"O que hai que facer é colocarse con tempo no carril adecuado e non no último momento antes da saída. Iso provoca freadas que ao mellor pode ver o coche que vai detrás pero non os quince ou vinte seguintes, prodúcese unha retención inesperada e se non hai distancia de seguridade adecuada pode producirse o alcance", explica o Garda civil Héctor Teixeira.
A instalación de radares moderou a velocidade e a gravidade dos sinistros, pero non deixan de provocar retencións quilométricas como a que se produciu esta mesma mañá tras a colisión de nove vehículos.