Publicador de contidos

Publicador de contidos

Villares lamenta o dano "irreparable" e agarda "unha reflexión e unha desculpa"

Villares lamenta o dano "irreparable" e agarda "unha reflexión e unha desculpa"

O exconselleiro do Mar compareceu este xoves tras coñecerse o arquivo definitivo da causa contra el

"Quero intentar recuperar a normalidade da miña vida privada e profesional" di Villares, quen pedirá o reingreso no PP

"Houbo persoas, sinaladamente responsables políticos, que decidiron ignorar a miña presunción de inocencia", afirma, mentres agarda "unha reflexión e unha desculpa"

Alfonso Villares tras finalizar a súa comparecencia deste xoves (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 16/04/2026 12:58 Última actualización 16/04/2026 14:21

O exconselleiro do Mar Alfonso Villares dixo este xoves que desexa deixar atrás unha etapa na que sufriu un dano irreparable e espera unha reflexión e desculpas por parte daqueles que non respectaron a súa presunción de inocencia.

Vilares dimitiu en xuño de 2025 ao estar investigado como suposto autor dunha agresión sexual. Con todo, o pasado 7 de abril a sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña confirmou que non será procesado por falta de indicio, ratificando deste xeito o auto dun xulgado de Ferrol.

Nunha declaración sen preguntas nun hotel de Santiago de Compostela, o exconselleiro explicou que a acusación non recorreu contra o auto da Audiencia Provincial, polo que este xa é firme

"Dous xulgados distintos, unha xuíza, tres maxistrados e o propio Ministerio Fiscal din todos o mesmo que eu dixen: que a acusación carecía de calquera tipo de fundamento e que non existía base ningunha para procesarme", resumía Villares na súa comparecencia tras facer un relato cronolóxico desde o día en que dimitiu. 

"A partir de agora o que quero facer é expresar o meu agradecemento á miña familia, aos meus amigos, á xente que me quere", explicou facendo referencia aos meses pasados nos que exerceu a súa profesión como veterinario na Consellería de Medio Rural e durante os que mantivo un silencio que xustificou para non perturbar a investigación.

"O meu desexo é deixar atrás esta etapa, dun dano irreparable, pero quero intentar recuperar a normalidade da miña vida privada e profesional", continuou Villares, de modo que unha das primeiras cuestións que fará será pedir a alta de novo como afiliado no PP, do que se deu voluntariamente de baixa tras coñecer que estaba a ser investigado.

"Pouco máis vou dicir sobre este tema", asegurou. Tras a resolución xudicial, o exconselleiro dixo: "Con toda claridade, a miña imaxe pública foi inxustamente danada, porque houbo persoas, sinaladamente responsables políticos, que decidiron ignorar a miña presunción de inocencia".

"Ante esta falta de respecto aos principios democráticos máis básicos, eu o que agardo é unha reflexión e unha desculpa", sentenciou Alfonso Villares. "Cando un político decide condenar sen xuízo, iso entraña un enorme perigo e crébanse as garantías da sociedade", afirmou.

"Mentres tanto, voume dedicar a traballar para restituír a miña imaxe e a miña honra. Porque poderán imaxinar que o dano causado foi un dano profundo. E creo que todas as persoas temos o dereito a defender o noso bo nome, sobre todo cando este foi cuestionado dun xeito tan inxusto", concluiu Villares, sen entrar a valorar en ningún momento a posibilidade de volver ocupar un cargo de responsabilidade política.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade