Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dimite o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, ao estar investigado por unha presunta agresión sexual

Dimite o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, ao estar investigado por unha presunta agresión sexual

Villares mantén a súa inocencia e afirma que, se marcha, é para renunciar á súa condición de aforado

A denunciante é unha coñecida presentadora da televisión

A oposición pídelle explicacións ao presidente da Xunta

Alfonso Rueda agarda que a Xustiza se pronuncie canto antes e valora a decisión de Villares de renunciar ao aforamento.

EFE/Xoán Rey
G24.gal 04/06/2025 18:07 Última actualización 04/06/2025 20:36

O conselleiro de Mar, Alfonso Villares, anunciou a súa dimisión este mércores ao estar investigado por unha presunta agresión sexual, aínda que mantivo a súa inocencia nun caso que enmarca na súa esfera estritamente persoal. A denunciante é unha coñecida presentadora da televisión.

Nunha conferencia de prensa convocada de urxencia en Santiago, apoiado polos altos cargos do seu departamento, dixo que, se se vai, é para renunciar á súa condición de aforado.

Explicou que foi onte mesmo cando recibiu a notificación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se lle deu traslado da súa condición de investigado nun proceso xudicial en base a “unha situación que ocorre na miña esfera estritamente persoal”.

Tras coñecer a decisión do alto tribunal, o conselleiro decidiu dar un “paso atrás” no seu cargo para non prexudicar ao Goberno galego nin ás institucións autonómicas e así llo comunicou ao presidente, Alfonso Rueda.

Insistiu Villares en que non quere de ningún xeito que as “circunstancias da vida privada dunha persoa determinada enturben nin o máis mínimo a confianza da xente nas institucións”.

Pese ao paso que deu, o responsable de Mar defendeu a súa inocencia e asegurou que centrará todas “as súas forzas en defenderme onde corresponde, que é no ámbito xudicial”.

“Dimito para defenderme dunha denuncia da que son, e insisto, totalmente inocente. É unha decisión moi difícil, pero estou convencido de que é correcta”, xustificou Villares, que dixo que ante unha situación como esta “non hai outra opción”.

Con esta renuncia, Villares deixa de estar aforado, de modo que, proclamou, “ningunha diferenza a nivel de procedemento xudicial".

Compartiu que a pesar de que leva trinta anos en política, “nunca” vivira un momento “tan duro como este”, que lle afecta, confesou, tanto no plano político como tamén no persoal. Confiou en que o proceso “se resolva o máis rápido posible” e espera, tras iso, poder reincorporarse á “vida política como antes”.

Villares chegou á Xunta de Galicia en xuño de 2023 en substitución de Rosa Quintana, que abandonou o cargo na administración autonómica para concorrer ás eleccións xerais de xullo dese ano nas listas do PP. Villares, veterinario de profesión, foi alcalde de Cervo durante 16 anos, desde o ano 2007, cando se presentou por primeira vez como candidato á alcaldía dese municipio da Mariña lucense.

Reaccións dos partidos da oposición

Tras coñecerse a dimisión de Villares, a oposición reclamou explicacións ao presidente da Xunta.

Desde o BNG esixen este caso “se investigue ata as últimas consecuencias” porque, ao seu xuízo, non é unha cuestión privada.

Desde o PSdeG piden que a Xustiza “actúe con todaslas garantías e a máxima dilixencia”.

Reacción do presidente da Xunta

Alfonso Rueda agarda que a Xustiza se pronuncie canto antes e valora a decisión de Villares de renunciar ao aforamento.

"Pido que haxa xustiza e que sexa rápida. Por suposto, máximo respecto a calquera decisión xudicial. Tamén quero poñer en valor a decisión de Alfonso Villares, que, pola súa condición de conselleiro, é aforado e decidiu renunciar a ese aforamento para se axuízado por un xulgado ordinario pensando que será a mellor maneira de acreditar a súa inoncencia e de preservar a credibilidade das institucións", dixo o presidente da Xunta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade