Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda convoca os líderes da oposición a senllas xuntanzas o 6 de xuño

Rueda convoca os líderes da oposición a senllas xuntanzas o 6 de xuño

Rueda prevé reunirse cos axentes sociais e responsables das empresas galegas que optan aos Fondos Next Generation

O presidente da Xunta amósase optimista ante unha eventual visita do Papa para pechar o Xacobeo 

O tamén líder do PPdeG quere anunciar antes do verán os candidatos populares ás alcaldías das sete cidades

G24.gal 29/05/2022 08:55 Última actualización 29/05/2022 15:02

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocou por carta os dous representantes da oposición a senllas xuntanzas o día 6 de xuño

"Gustaríame tomar a iniciativa e comezar unha rolda de contactos cos representantes da oposición para poñer en común a vosa visión e a da Xunta respecto á situación actual e futura de Galicia", asegura.

Ademais, na misiva expresa o seu desexo de consensuar unha posición única da comunidade autónoma con vistas á reunión que manterá co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, cando a convoque.

Coa man tendida

Tal e como avanzou este domingo na primeira entrevista na Radio Galega, a súa intención era recibir a Ana Pontón, voceira nacional do BNG, e a Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, no prazo dunha semana.

Segundo dixo, malia as "cousas un pouco grosas" que dixeron estes días, "recibireinos coa man tendida" porque "a Galicia faille moitísima falta" poder chegar a acordos e considera que hai marxe para o conseguir.

"Recibireinos nos próximos días. Gustaríame que antes de recibilos puidera ter ocasión de falar co presidente Sánchez para compartir con eles as conclusións, pero non podemos esperar máis. Gustaríame que, en non máis alá dunha semana, poida recibilos."

En concreto, detallou, considera preciso abordar o "modelo de financiamento", "as infraestruturas pendentes do Goberno central", "a baixada de impostos" ou eliminar trabas para contratar médicos

"Creo que admite pouca discusión  que hai que abordar o modelo de financiamento autonómico. Creo que admite pouca discusión que as infraestruturas pendentes do Goberno central hai que rematalas. Creo que admite pouca discusión que a xente nos pide que baixemos impostos -a Xunta xa o fixo, agora eles teñen que facelo-. E creo que admite pouca discusión que as trabas que se están poñendo para mellorar a atención primaria con normas estatais que nos impiden ter máis médicos, hai que levantalo canto antes. Por iso aí eu si que espero que teñamos acordo". 

Reunión na Moncloa

Respecto á xuntanza solicitada ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o titular da Xunta asegura que, de momento, non ten resposta da Moncloa.

Alfonso Rueda entende que "a axenda do presidente Sánchez non debe ser sinxela", pero conforme avancen os días pensa que a reunión é máis precisa para lle transmitir os temas que considera principais para Galicia porque "necesito formularllos e ter esas respostas", polo que di agardar que "sexa canto antes".

En todo caso aclara que non ten "intención de liorta nin facer máis presión da necesaria para ser recibido canto antes" e engade que, por outra banda, o presidente do Goberno debería ter o máximo interese en se reunir co presidente da Xunta.

Rueda di agardar que "a relación sexa cordial" pero asegura que "hai moitas cousas que mellorar dende o Goberno central en relación ao seu trato con Galicia". Entre os temas que máis lle preocupan figuran os proxectos galegos que optan aos Fondos Next Generation ou as infraestruturas pendentes.

Fondos europeos

Sobre a repartición dos fondos europeos de recuperación, Alfonso Rueda fixo fincapé na situación de Stellantis Vigo, onde admite que "as novas non son tranquilizadoras en absoluto". Na súa opinión, "ten que haber marxe para que se corrixa a situación porque temos moitísimo en xogo" e hai que rectificar "con fondos europeos ou con calquera outro", salientou. 

Sobre o proxecto de Altri da factoría de fibras téxtiles a partir de madeira que se instalaría en Palas de Rei, o presidente da Xunta asegura que "ten todos os elementos" para ser apoiado cos fondos de recuperación e resiliencia pero que "vendo os antecedentes de Stellantis estamos en 'preveñan e moi atentos!'". 

"Estanse poñendo trabas a través da elaboración de PERTES para o sector da automoción que non foron consultados connosco, non foron tampouco consultados con Stellantis e déixanlle fóra moitos proxectos. Iso hai que rectificalo. Non sei se con fondos europeos, con fondos de recuperación e resiliencia ou con calquera outro fondo dos que dispón o Goberno, que dispón de moitos cartos". 

Nesa liña da preocupación polos fondos europeos, Alfonso Rueda, ademais de coa oposición e co presidente do Goberno, avanza a súa intención de reunirse cos axentes sociais, "cos líderes sindicais e coa patronal" porque son "motor económico" así como cos "responsables das grandes empresas que aspiran a fondos europeos".

Escenario económico e Xacobeo

O presidente da Xunta agoira "novos retos" no económico porque "a economía empeza a emitir sinais de dificultades", pero di que Galicia está mellor preparada e poderá facer máis cousas que outras comunidades grazas ao "control do déficit" aplicado nos últimos anos.

Na súa folla de ruta aposta por baixar impostos e protexer os máis vulnerables e os mozos.

"Vimos dunha situación -grazas a ese control do déficit que houbo durante moitos anos cos gobernos de Feijóo- que nos vai permitir facer esforzos económicos que outras comunidades non van ser quen de facer". 

O presidente da Xunta amósase moi satisfeito coa marcha do Xacobeo e coa evolución do sector turístico en Galicia tras a pandemia.  O Xacobeo considérao "o mascarón de proa" do aliciente turístico e mesmo se amosa optimista ante unha eventual visita do Papa a Santiago a finais de ano. 

"Ultimamente algunha conversa que tiven eu co arcebispo de Santiago transmitiume algo máis de optimismo. Ben é certo que hai unha cousa fundamental, que é que todo depende da saúde do Papa. Eu estou seguro de que se a súa saúde llo permite, o Papa vai vir a Santiago e probablemente este ano. A miña preferencia dende o punto de vista de organización da Xunta é que no último trimestre do ano se se pechara o Xacobeo coa visita do Papa sería un remate espectacular". 

Eleccións municipais 

Alfonso Rueda, que tamén é o presidente do PPdeG, asegura que o reto electoral máis inmediato son as municipais do ano que vén e "mellorar" o resultado de 2019 que recoñece que "foi malo". 

Admite que quere ter pechadas "canto antes" as candidaturas e concreta que agarda ter os nomes dos candidatos ás alcaldías das sete grandes cidades antes do verán.

Dos nomes concretos confirmou a Marta Fernández Tapias e a Rafael Domínguez como candidatos á alcaldía de Vigo e de Pontevedra, respectivamente, ao seren estas dúas demarcacións da súa competencia como líder provincial do PP de Pontevedra.

Con vistas a elixir substituto á fronte do PP da provincia de Pontevedra, Rueda amosou a súa vontade por que se faga nun congreso antes de agosto. 

"Eu creo moito na planificación para ter bos resultados e, polo tanto, improvisar a última hora nunca foi bo. Nós nunca o fixemos e, polo tanto, iso esixe anunciar as cousas con prazos. Eu agardo que a partir de agora e en videiras datas se vaian coñecendo os homes e mulleres  que encabezaran as candidaturas do Partido Popular. A min gustaríame que cando menos os das cidades fosen antes do verán". 

Rematar a lexislatura

Alfonso Rueda, que tomou as rendas da Xunta mediada a lexislatura, di que a intención é rematar a lexislatura. Argumenta que hai "moitos proxectos en marcha" e que se algo caracteriza o PPdeG é ser "previsible e transmitirlle estabilidade á xente".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar