Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alertan de varios intentos de calote en Lugo coas voltas dun suposto billete de 50 euros

Alertan de varios intentos de calote en Lugo coas voltas dun suposto billete de 50 euros

Un home de mediana idade actuou co mesmo modus operandi en varios negocios do centro da cidade

Un dos negocios afectados polos intentos de calote
Félix Aragunde 13/11/2025 20:35 Última actualización 13/11/2025 20:45

A xerente dunha tenda da rúa Nova, no centro de Lugo, foi a primeira en dar a voz de alarma. Un home de mediana idade que se fixo pasar por cliente reclamou as voltas dun billete de 50 euros co que supostamente pagara, días antes, un popular xogo de mesa. Por sorte para a comerciante, puido comprobar que na data sinalada non vendera exemplar ningún dese artigo.

"Preguntoume canto custaba o 'Virus', díxenlle que 14,95 e retrucoume que o outro día lle dera de menos, posto que lle devolvera cinco céntimos e el pagara cun de 50 pero disque estaba a falar cunha parella que buscaba un crebacabezas para un agasallo e non sei que mais lerias, dándome unha serie de detalles que xa me fixeron sospeitar. Non falara con nigunha parella ao respecto, así que xa me estrañou", explica Esther Mora, dona dunha tenda de xogos. 

Unha vez alertados o resto do comerciantes do recinto histórico, saltaron á luz outros casos similares. Noutra tenda, na céntrica rúa Doutor Castro, un individuo que respondía ás mesmas características tamén tratara de obter o cambio dun billete de 50. Nesta ocasión, a excusa fora o suposto pagamento, a semana anterior, dun bocadillo.

"Entón díxenlle que non o lembraba, pero que me dixera que día fora porque me había fixar nas cámaras e, de confirmarse, habíalle devolver os cartos. Cando mencionei as cámaras, marchou a preguntarlle a un compañeiro que día fora, pero non volveu nunca máis", afirma Carolina Iglesias, propietaria dunha tenda 'gourmet'. 

A través das redes sociais da asociación de comerciantes e hostaleiros Lugo Monumental, as afectadas tiveron constancia doutro intento de calote co troco do inexistente billete de 50 euros. Neste último caso, na cafetería máis antiga da praza Maior o mesmo suxeito pretendeu que lle desen 49 euros de volta tras pagar unha aposta de lotería dun euro cun billete de 5.  

"As mesmas características, o mesmo conto. É un calote e estade atentos. E aí soubemos que tamén fora a unha cafetería, tamén do centro, a facer o mesmo", engade Carolina Iglesias. 

Que se saiba, o autor destes intentos de calote en ningún caso chegou a conseguir nin un só euro das voltas de ningún billete de 50 imaxinario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar