Alertas de lume e fume case simultáneas nunha vivenda e un pub de Santiago por causa de deshumidificadores

Arredor das catro da mañá saltou a alarma dunha vivenda do Castiñeiriño e logo a da Casa das Crechas, na Zona Vella

Só se rexistraron danos materiais pola calor e o fume 

G24.gal 04/12/2023 14:31 Última actualización 04/12/2023 17:10

Os bombeiros de Santiago tiveron que atender dúas alertas de incendio na noite deste luns, e dáse a coincidencia de que nos dous casos a orixe parece estar nuns deshumidificadores. A primeira alarma saltou sobre as catro da mañá nunha vivenda do extrarradio, e a segunda, pouco despois, nun popular local da zona vella que a esa hora xa estaba pechado. Aquí, o traballo dos bombeiros centrouse na evacuación do fume que se concentraba na planta baixa, en que está o escenario para as habituais actuacións musicais da Casa das Crechas. 

A calor e a fumeira afectáronlles a algunhas pezas da instalación de son e iluminación e ao mobiliario máis próximo ao punto de combustión, probablemente un deshumidificador. Tras despexaren o local do intenso fume, os bombeiros centráronse en inspeccionar a estrutura de madeira para evitar posibles riscos para os inmobles lindeiros, algo que se ten sempre moi en conta polas características das construcións da zona histórica de Compostela. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade