Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alertan da presenza de térmites na zona histórica de Ourense

Alertan da presenza de térmites na zona histórica de Ourense

O problema agrávase por mor da madeira, presente na meirande parte das estruturas dos edificios do recinto histórico

G24.gal 04/05/2023 21:24

Foron os veciños da rúa Liberdade, na zona histórica, os que deron a voz de alarma ao decatarse da presenza dos térmites. Din que son visibles dentro dalgunha vivenda, pero tamén na rúa. Sospeitan que o niño pode estar no soar abandonado dun antigo colexio, e temen que de aí poidan chegar ás vivendas próximas, moitas delas como é habitual na zona histórica, con boa parte da súa estrutura en madeira.

"Xa comentaran algo por riba, pero como algo bastante illado e si que hoxe nos chegou unha queixa con documentos gráficos, vídeos e fotos de que aquí na rúa Liberdade había moitísimos térmites voadores. Era como unha praga, que ías camiñando e se che metían nos ollos. Dicían que viñan deste edificio que está aquí detrás de nós, que está abandonado. Parece ser que viñan bordeando todo o edificio e voando todo arredor. Este edificio leva abandonado xa moitos anos. Falamos neste caso de térmites, podiamos falar de calquera outro animal", explica Irene Somoza, da Asociación veciñal do Casco Vello.

Un dos veciños consultou cunha empresa de control de pragas que lle confirmou que eran térmites. Esta mañá foron varios os veciños que puideron velos de preto. 

"Había unha esquina aí que estaba inzada, estaba escuro deles. Polo que vimos despois efectivamente saía do colexio Sueiro da rúa Liberdade. Como había madeira antiga pensamos que de aí saía a historia".

O abandono dos edificios trouxo consigo problemas coas ratas e as cascudas. Este, din, era previsible.

"Normal, porque hai un abandono aquí dos soares que algo ten que haber".

O problema agrávase tendo en conta que aquí son moitos os edificios con madeira na súa estrutura.

"Pode ser moi destrutivo, pode fulminar unha estrutura".

Piden que se tomen medidas para erradicar o problema e impedir que os térmites acaben por afectar a outras vivendas da zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar