Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alemaña enviará 500 mísiles e mil lanzagranadas para apoiar as tropas ucraínas

Alemaña enviará 500 mísiles e mil lanzagranadas para apoiar as tropas ucraínas

O chanceler Olaf Scholz considera que a agresión rusa marca un cambio de era

G24.gal 26/02/2022 21:08

O Goberno alemán vai enviar "canto antes" mil lanzagranadas antitanque e 500 mísiles de defensa antiaérea Stinger, pertencentes ás súas forzas armadas, para apoiar as tropas ucraínas.

"A agresión rusa contra Ucraína marca un cambio de era. Ameaza toda a nosa orde de posguerra. Nesta situación, é a nosa obriga apoiar a Ucraína na medida das nosas posibilidades na defensa contra o exército invasor de Vladímir Putin", declarou o chanceler, Olaf Scholz.

Nun comunicado difundido polo voceiro do executivo, Steffen Hebestreit, reiterou que "Alemaña está do lado de Ucraína".

A través doutro portavoz, confirmou tamén a autorización a Holanda da subministración de 400 lanzagranadas antitanque de produción alemá; e a Estonia, do envío de nove obuses D-30 e munición das forzas armadas da extinta República Democrática Alemá (RDA).

Previamente, a ministra de Asuntos Exteriores, Annalena Baerbock, e o titular de Economía, Robert Habeck, informaran a través de Twitter do apoio do Goberno alemán ao Exército ucraíno.

"Tras o vergoñento ataque de Rusia, Ucraína debe poderse defender. Ten o dereito inalienable á autodefensa. Por iso, o Goberno apoia a Ucraína no equipamento co material urxente necesario", sinalaron.

O Ministerio de Economía e Clima informou ademais da autorización para enviar 14 vehículos blindados destinados á protección persoal e, en caso necesario, para fins de evacuación, ademais da subministración de 10.000 toneladas de carburante vía Polonia.

O embaixador de Ucraína en Alemaña, Andrij Melnyk, expresara horas antes a súa esperanza de que o Goberno alemán dese luz verde á subministración de armas defensivas, algo ao que o executivo liderado por Scholz se negara ata o de agora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade