Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alcoa apaga as cubas e deixa de fabricar aluminio primario en España

Alcoa apaga as cubas e deixa de fabricar aluminio primario en España

Para a actividade co compromiso de retomala dentro de dous anos

G24.gal 20/01/2022 20:21

Alcoa completou hoxe o apagamento de todas as cubas da fábrica de San Cibrao. Mentres, en Madrid, Goberno, Xunta e o comité de empresa reuníronse para concretar a folla de ruta que garanta que a factoría volva producir aluminio en dous anos.

A Xunta insiste na necesidade de fixar un prezo da enerxía competitivo. O Goberno central comprometeuse a axilizar os trámites dos parques eólicos necesarios para a volta á actividade da planta.

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa, di; "O problema é que o acordo aínda está nunha fase moi inicial. Fai falta que se vaia confirmando mes a mes. Xa nos avisan que na tramitación dos parques enerxéticos haberá que esperar polo menos seis meses, que antes non se vai avanzar.

Paula Uría, Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, explica: "Desde a Xunta de Galicia temos total implicación no desenvolvemento dos proxectos renovables que sexan necesarios para facilitarlle un prezo eléctrico competitivo a Alcoa. Pero a competencia da Xunta chega ata os 50 megawatts, a partir de aí é o Ministerio para a Transición o que ten que autorizar estes proxectos. Polo tanto a súa presenza é fundamental"

Tras 42 anos de actividade en Cervo, a produción de aluminio forma parte da historia da Mariña. Durante catro décadas, a planta de San Cibrao foi un referente no sector en Europa e no mundo. A apagada total das cubas de electrólise marca un antes e un despois e deixa a comarca sumida na incerteza. Paralizada económica e animicamente.

"Son un fillo do aluminio, meu pai e meus tíos traballaron aquí toda a vida. É unha sensación rara", di un traballador.
"Parécemente incrible que unha nación coma España quede sen aluminio primario""un día triste, é a primeira vez que se dá, exceptuando o Cason", asegura outro empregado.

Foi o único precedente, no ano 1987. As cubas da factoría pararon daquela por iniciativa dos traballadores, para protestar contra o traslado ás súas intalacións dos bidóns supostamente tóxicos do Cason.

Agora é unha decisión empresarial. Alcoa para a planta de San Cibrao por motivos de rendibilidade, e co compromiso de reactivala en 2024. Mentres tanto España terá que importar aluminio primario.

"Parécemente incrible que unha nación coma España quede sen aluminio primario", di un veciño de Cervo.

A actividade a curto prazo vai ser mínima. O único que se mantén é a produción de aluminio secundario a partir da refundición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade