Alberto Quiles está animado e agarda poder xogar ante o Pontevedra
Quiles: "Se xa había razóns para ascender directo, eu son outra razón para que o intenten"
Coa cara morada e un ollo practicamente pechado, Alberto Quiles compareceu ante os medios de comunicación para agradecer publicamente as mensaxes de ánimo que recibiu tras a patada que recibiu no partido do pasado domingo contra o Córdoba.
O pichichi do Deportivo explicou os difíciles momentos que sufriu tras o tremendo golpe, que nun grave erro arbitral simplemente foi sancionado con tarxeta amarela:
"Síntome afortunado de que sexan só dúas fracturas".
"A cara téñoa feita un cadro, pero esperaba levalo peor. O peor momento é pola mañá".
"Animicamente estou bastante ben. Non esperaba tantas mensaxes de apoio".
Quiles indicou que puido falar cos seus compañeiros, e cre que están preparados para seguir loitando polo ascenso directo:
"Se xa había razóns para ascender directo, eu son outra razón para que o intenten", engadiu.
Quiles non desbota xogar en Pasarón na última xornada:
"Desexo que chegue a operación, que saia ben e, dentro da seguridade, acurtar os prazos ao máximo. A miña intención é chegar a xogar uns minutos contra o Pontevedra".
Alberto Quiles foi valorado no Hospital Quirón Salud A Coruña polo cirurxián maxilofacial Álvaro García-Rozado, que, de acordo cos Servizos Médicos do Club que dirixe o doutor Carlos Lariño, estableceu a folla de ruta para a súa recuperación.
O dianteiro andaluz será intervido cirurxicamente este xoves pola tarde no citado centro hospitalario dunha dobre fractura do seo maxilar e do chan da órbita.
Unha vez realizada a intervención, o futbolista branco e azul comezará a súa recuperación en Abegondo.