Alarma en Sober a causa duns supostos disparos por parte dun veciño
Varios residentes de Sistín do Mato alertaron a Garda Civil ao escoitar o ruído
Os axentes desprazáronse ao lugar e reduciron o home, polo de agora, non localizaron ningunha arma, investigan que puido suceder.
En Sistín do Mato, en Sober, hoxe respiran tranquilos despois dunha tarde tensa. Hai moito desconcerto sobre o acontecido nas últimas horas. Os veciños aseguran que oíron varios disparos, identificaron de onde procedían e avisaron a Garda Civil. Na aldea despregouse un amplo dispositivo policial, con varias patrullas mobilizadas. Rexistaron a casa, pero os axentes non deron coa arma.
"Escoitaron unhas detonacións e puxeronse en contacto coa Garda Civil porque pensaron que foran disparos dunha pistola ou escopeta pero ao final parece que foron uns petardos", explica Luis Fernández, alcalde de Sober.
O home estaba atrincheirado na casa, opuxo resistencia e houbo que reducilo. Os veciños aseguran que é conflitivo, ao parecer ten unha enfermidade mental, e xa ten protagonizado outros incidentes.
"Sempre é máis o susto, veu moita Garda Civil", engade o alcalde
Tras reducilo, o home foi trasladado ao hospital e alí segue. Os veciños piden que lle dean a atención sanitaria que precisa. A Garda Civil abriu unha investigación.