Afogado no Miño: "O amigo de Alassane deu a volta para sacalo, pero non puido"
Mergulladores dos GEO da Policía Nacional prevén baixar á zona onde afogou para intentar recuperar o corpo
Mergulladores da Policía Nacional procedentes de Guadalaxara diríxense a Ourense para reemprender a busca do mozo que onte desapareceu no río Miño cando nadaba a carón da presa de Velle cuns amigos.
O falecido, Alassane Neiaye, tiña 24 anos. A súa familia, residente en Ourense e orixinaria do Senegal, espera que atopen o corpo canto antes para poder iniciar os labores de repatriación.
Alassane pasaba unha tarde de baño cos seus amigos a carón da presa de Velle cando afundiu na auga sen que ninguén puidera evitalo.
"A muller do amigo que nadaba con el que estaba fóra e viuno, chamouno e berroulle Alassane está afogando, está afogando! Deu a volta para intentar sacalo, pero non puido", explica Ibrahim Diouf , voceiro da familia. "Intenouno, intentouno, pero ao final case afoga el tamén", asegura.
Foi entón cando avisaron os servizos de emerxencia. Os primeiros en traballar na súa busca foron os bombeiros de Ourense.
"Este río, sobre todo nesta beira, que é a máis fría, porque á tarde é moi sombría, ten moito lodo, moito atranco de árbores, e outras cousas que trae arrastrando o río dende arriba. Era unha zona moi escura para nós e a partir de medio metro xa non vían para nada", explica José Ramón Sánchez Feijóo, xefe de Bombeiros.

A zona de embarcadoiros está a menos de cen metros das comportas da presa. Unha delas estaba aberta parcilamente para manter o caudal ecolóxico do río, o que provoca correntes. Entre un lugar e outro hai unha diferenza de profundidade de ata dez metros.
É sobre todo a xente máis nova a que se achega ata alí para bañarse, a maioría faino nas piscinas ou río abaixo, na praia fluvial.
Alassane traballaba de camareiro e vivía cos seus pais e os seus catro irmáns en Ourense. Toda a familia reside na cidade dende hai moitos anos. Agardan que coa chegada dos mergulladores o corpo non tarde en aparecer.