Acusados de homicidio, lesións e incendio os donos do bar suízo onde morreron 40 persoas
O estado dos corpos dificulta a identificación da maior parte dos cadáveres e dalgúns dos 119 feridos
A fiscalía suíza acusa de homicidio, lesións e incendio por neglixencia os dous donos do bar de Crans Montana onde morreron polo menos corenta persoas. Mentres, segue o lento proceso de identificación da maior parte dos falecidos, e de moitos dos 109 feridos que permanecen hospitalizados.
Especialistas da policía seguen traballando no interior do bar A Constelación, onde esta fin de ano morreron polo menos 40 persoas, a maior parte delas mozos moi novos. Tratan de entender o porqué dun incendio que en cuestión de minutos atrapou centos dos asistentes á festa.
Os dous donos franceses do local, situado na estación de esquí suíza de Crans Montana, declararon diante da policía e da fiscalía da zona, que abriron unha causa penal contra eles por tres presuntos delitos de homicidio, lesións e incendio por neglixencia. Os dous quedaron en liberdade pero coa obriga de estar localizables.
O lume, ao parecer, produciuse polo contacto das bengalas coa espuma do teito. As dificultades para saír do local agravaron a situación.
Polo momento hai 40 mortos confirmados, a maior parte de nacionalidade suíza, francesa e italiana. O estado de moitos dos cadáveres fai imposible a identificación, polo que hai que recorrer ás análises de ADN.
Laetitia Brodard-Sitre, nai dun rapaz suízo desaparecido relata a situación desesperada que están vivindo:
"Esta é a última foto que teño do meu fillo, dúas horas antes de que marchase para o bar. Se o viron nos hospitais, ou no depósito, xa sexa vivo ou morto, por favor... díganmo. Non sei a gravidade das súas queimaduras, non sei se é recoñecible, non o sei. O único que quero é atopar o meu fillo, quero atopar o meu fillo".
Tamén é lenta a identificación de moitos dos 119 feridos que permanecen nos hospitais, xa que moitos deles están inconscientes e vendados.
Nas proximidades do bar queimado, a xente deposita candeas en homenaxe ás vítimas da traxedia, mentres a estación de esquí de Crans Montana reabriu este venres as súas pistas.