Publicador de contidos

Publicador de contidos

Acción, reacción, por María Bastida

OPINIÓN

Acción, reacción, por María Bastida

María Bastida 05/12/2025 07:54

Hai unha idea moi estendida en case calquera territorio industrializado: que cada vez que unha grande empresa tose, o goberno de quenda debe aparecer cun pano. Porén, non todo conflito laboral debe converterse nun asunto de Estado, e moito menos cando falamos de compañías que levan anos no centro dun debate tan inflamable como Ence. Nas transicións industriais, as incoherencias acaban pasando factura. Queremos industrias máis limpas, pero sen tocar os postos de traballo; queremos menos impacto ambiental, pero sen perder actividade económica; queremos modernización tecnolóxica, pero sen asumir que a tecnoloxía despraza tarefas. Esíxese avanzar cara a modelos máis sostibles, pero ao mesmo tempo reclámase que nada cambie en termos de emprego, estrutura produtiva ou organización interna. E isto, simplemente, non encaixa.

Desde o punto de vista económico, convén recoñecer algo obvio. Ence é unha empresa privada, con perdas acreditadas, que toma decisións estratéxicas -acertadas ou non- en función do seu modelo de negocio. E unha administración pública non pode nin debe converterse no plan de empresa alternativo cada vez que un comité sindical o solicita. O comité pide implicación inmediata da Xunta porque é unha estratexia perfectamente comprensible en termos de presión negociadora. Pero iso non converte a petición en razoable nin necesaria.

E igualmente obvio é que Ence leva anos sendo demonizada por parte do movemento ecoloxista, que pediu o seu peche ou o seu traslado cunha insistencia case relixiosa. Se unha empresa que xa operaba baixo enorme presión política, xudicial, mediática e social empeza agora un proceso de automatización acelerada, redución de custos e racionalización de persoal, non estamos ante unha sorpresa. Estamos a ver as consecuencias lóxicas de converter a Ence nun símbolo, no canto de nun activo industrial que había que acompañar na súa transición.

Cando durante anos se pide que unha fábrica peche, non se pode esperar despois que manteña emprego estable e abundante coma se nada. Cando se crea un clima hostil para investir, non se pode finxir sorpresa cando aparece un plan de redución de persoal. Cando se esixe menos industria contaminante, non se pode reclamar á vez manter todos os postos de traballo. Iso non é economía: é maxia. E a maxia non paga nóminas.

Por tanto, a miña opinión é sinxela: Ence ten dereito a executar a súa estratexia, sempre que cumpra a lei. Os traballadores teñen dereito a defenderse e presionar. A Xunta, salvo risco sistémico para o emprego ou incumprimentos legais, non ten obrigación nin necesidade de intervir. E os demais, os cidadáns, temos a obrigación de tomar nota. Porque ás veces, cando os deuses queren castigarnos, concédennos os nosos desexos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar