Publicador de contidos

Publicador de contidos

Accidente múltiple contra unha familia de xabarís en Sanxenxo

Accidente múltiple contra unha familia de xabarís en Sanxenxo

Seis coches colidiron en cadea, tras bater un primeiro con cinco xabarís que quedaron mortos 

O accidente ocorreu na vía que vai de Sanxenxo cara á Lanzada, nun lugar de paso común destes animais

G24.gal 11/11/2025 14:41

Un, dous, tres e así ata cinco..., suponse que unha familia ao completo, a nai coas crías. Impresiona velos ciscados no asfalto, pero impresiona máis aínda atopalos de fronte. 

"Cando me dei conta tiña cinco xabarís no medio da estrada e non tiña por onde pasar. Cando me din conta estaba enriba deles. Saltaron 'airbags', a defensa, o cristal, a porta do condutor, ...", explica Rubén. 

Foi o primeiro en bater. Estragou a furgoneta de traballo pero detrás del foron caendo outros condutores, tal cal fichas do dominó.

"Cinco coches máis polo menos", engade. 

"Cando vimos o xabaril non nos deu tempo a nada. Nós pasamos por riba. Desfixemos o coches todo por debaixo. Estaban tirados todos na estrada. O medo que tiña era que non sabiamos se eran animais ou persoas o que estaba tirado", conta Diego, outro dos afectados. 

É un problema recorrente neste treito da vía que vai de Sanxenxo ao Grove, á altura de Noalla.

"Na mesma vía rápida, antes de Sanxenxo, tivemos outro accidente tamén con dous xabarís. Desa batemos nós", lembra Diego.

"O valado todo da autoestrada para que non atravesen os animais está moi deteriorado porque leva 20 anos. Só fixeron remendadas e dende onde está o cemiterio de Noalla, é a principal saída do xabaril e vai todo pola estrada", explica Roberto Garrido, presidente da Comunidade de Montes de Noalla.

De feito, a historia puido repetirse onte mesmo, só unha despois do primeiro sinistro.

"Chovía bastante, era de noite e vin como unha sombra, e xa paramos todos os coches, que iamos bastantes en ringleira", comenta unha condutora que salvou.

Están preocupados pero tamén fartos. 

"É un punto complicado porque non hai luz, non se ve".

"Non hai iluminación porque lles molesta aos animais e aos paxaros. Agora mesmo nesa vía rápida e no Vao, por máis que estea limitado a 90, como veñas a 90, non dás parado, e atravesan con frecuencia", lamentan.  

A presenza de xabaril no contorno da Lanzada é cada vez máis habitual... e perigosa. 

"É coma bater contra un muro", sentenza Rubén aínda co susto no corpo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade