Un condutor estrela o seu vehículo contra unha casa en Cambados e foxe
Poucas horas antes outro condutor saía da vía na mesma estrada e facía o mesmo, deixando o coche abandonado nunha leira
Dous accidentes na madrugada da fin de semana en Cambados, e nos dous os condutores fuxiron deixando os vehículos no lugar dos feitos. O máis sorprendente foi o segundo, en que unha furgoneta chocou contra unha casa en pleno centro da vila.
A piques estivo unha furgoneta de rematar dentro dunha vivenda onde durmían dúas persoas maiores a iso das 5 da mañá do domingo. Nese momento espertounos un forte estrondo. O mesmo lle ocorreu á veciña da vivenda lindeira. Cando saíu fóra ver que ocorrera viu os estragos, pero o condutor xa non estaba.
O vehículo sinistrado viña da avenida do Salnés e, por causas que se descoñecen, continuou recto en lugar de xirar por esta avenida de Vilariño. Os danos obrigarán a importantes arranxos en dúas vivendas.
Non foi o único incidente dese tipo esa noite. Na mesma rúa, pero xunto á rotonda que dá acceso a Cambados outro vehículo saía da vía e remataba encaixado nunha leira na beira da estrada. A Garda Civil iniciou unha investigación para dar co paradoiro dos condutores dos dous coches protagonistas destes accidentes.