Publicador de contidos

Publicador de contidos

Absolven dous acusados de colaborar en terra co narcosubmarino de Aldán

Absolven dous acusados de colaborar en terra co narcosubmarino de Aldán

O TSXG atenden os recursos de dous presuntos colaboradores en terra. Establece que non hai probas que incrimen a un deles no operativo, mentres o outro só lle prestou roupa aos tripulantes do sumerxible

Reduce as penas para outros dous colaboradores e confirma as penas dos tres tripulantes

O narcosubmarino afundido en Aldán (EFE) O narcosubmarino afundido en Aldán (EFE)
G24.gal 21/11/2022 14:19

Dúas das catro persoas condenadas a entre sete e nove anos de prisión por colaborar desde terra cos tres tripulantes do narcosubmarino que chegou ás costas galegas en 2019 con máis de 3.000 quilos de cocaína foron finalmente absoltas.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aceptou os recursos presentados polos seus avogados contra a sentenza da Audiencia de Pontevedra.

Un deles, que fora condenado a sete anos de cárcere, foi exonerado ao entender o alto tribunal galego que a súa actuación, limitada á achega de roupa aos tripulantes, "non favorece nin facilita o tráfico de drogas, pois o seu obxectivo é o auxilio persoal".

Ao segundo home agora absolto, ao que tamén lle caeron sete anos de prisión por un delito contra a saúde pública, o TSXG considera que "non hai proba que lle incrimine" xa que só se demostrou que coñecía a existencia dunha "eventual operación" e non a súa axuda ao tráfico de drogas.

Neste caso, os maxistrados si lle condenan a un ano de cárcere polo cánnabis que os investigadores acharon no seu domicilio cando o rexistraron pola súa relación coa operación.

O alto tribunal galego tamén aceptou de maneira parcial os recursos que impulsaron os outros dous colaboradores, ao entender que os delitos que cometeron en relación co somerxible foron en grao de tentativa, polo que procede rebaixar as súas respectivas condenas.

Así, reduce de nove anos a 26 meses e de sete anos a 18 meses, o período de prisión para estas dúas persoas, ao soster que non participaron nas operacións previas ao transporte nin chegaron a ter a dispoñibilidade efectiva da droga.

O TSXG, por tanto, só confirma a condena de once anos de cárcere imposto a cada un dos tres tripulantes, o vigués Agustín Álvarez, considerado polas autoridades como o patrón do narcosubmarino, e as dúas persoas que lle acompañaron na súa singradura a través do Atlántico, os ecuatorianos Luís Tomás Benítez Manzaba e Pedro Roberto Delgado Manzaba.

Todos eles foron condenados por transportar entre Suramérica e Galicia uns 3.068 quilos de cocaína, cuxo prezo no mercado ilícito sería de 123 millóns de euros.

Esta sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade