Absolto por falta de probas o acusado de agredir sexualmente dúas menores en Lugo en 2021
Aínda que todas as partes recoñeceron que o procesado mantivo relación con ambas, non atoparon indicios suficientes para condenalo
O tribunal advirte "inconsistencias" no relato dunha das denunciantes e sinala que as lesións "caben dentro dunha relación consentida"
Arquivo
A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu, por falta de probas, un mozo acusado de agredir sexualmente dous menores, no seu domicilio da cidade, e sinalou na súa sentenza que, aínda que todas as partes recoñeceron que o procesado mantivo unha relación con ambas as menores (en dous momentos distintos), non puido apreciarse o delito do que viña sendo acusado.
Na resolución recóllense como feitos probados que as menores, de 15 e 17 anos, e o acusado (de 18 anos nese momento) quedaron no domicilio del en Lugo, o 8 de xuño de 2021. Nun determinado momento, os tres foron para o cuarto do mozo, que lles propuxo "facer un trío", ao que elas se negaron.
Os tres chegaron a tombarse, e o acusado fíxolles tocamentos a ambas, e mantivo relacións sexuais cunha delas, mentres que lle pediu á outra que abandonase o dormitorio. Tras finalizar ese encontro, a moza foise e informou unha educadora de que tivera unha relación sexual co acusado que ela non consentira.
A menor foi examinada nun hospital, onde se lle apreciou un hematoma no pescozo, compatible cun 'chupón', e unha lesión na zona externa da vulva, aínda que presentaba o hime intacto.
A Audiencia estima que non pode apreciarse o delito, consistente en diversos tocamentos nos peitos, por encima da roupa, respecto a una das menores. E, en canto ao testemuño da outra denunciante, non aprecia "que falte á verdade na narración do que refire", pero conclúe que a súa versión, "a falta de corroboracións periféricas", advírtese "insuficiente para alcanzar un pronunciamento condenatorio".
A Sala subliña no fallo que, "mentres a condena presupón a certeza da culpabilidade, a absolución non presupón a certeza da inocencia".
Así, destaca que a absolución "non se deriva da proba da inocencia, senón da frustrada proba da culpabilidade, máis aló de toda dúbida razoable", á vez que sinala que as lesións da moza "caben dentro dunha relación consentida". Igualmente, o tribunal apunta que se advirten "inconsistencias" no relato da denunciante "que han de favorecer o reo".