Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abre o primeiro edificio da Cidade das TIC da Coruña na antiga Fábrica de Armas

Abre o primeiro edificio da Cidade das TIC da Coruña na antiga Fábrica de Armas

Alfonso Rueda destaca a contribución deste centro á especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes

G24.gal 20/10/2023 14:26

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou este venres o primeiro dos edificios da Cidade das TIC da Coruña, o Centro de Estudos Avanzados, un espazo para empresas tecnolóxicas que aspira a servir de referencia mundial en innovación dixital. O xefe do Goberno galego destacou a contribución deste centro á especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes.

A conversión da Fábrica de Armas da Coruña en centro de innovación dixital xa é unha realidade. Comeza a funcionar o primeiro dos oito edificios posibles que proxectan a Universidade da Coruña e o Clúster de empresas de Tecnoloxías da Información e arranca con seis compañías e tres laboratorios.

O presidente do Clúster das TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, salientou que o sector non necesita investimentos millonarios para crear emprego, se non que o seu investimento é o talento, e lembrou que o sector achegou o 12 % do emprego neto creado dende o 2017.

Reter e captar talento é un dos obxectivos da Cidade das TIC. Este centro ademais de acoller empresas, ofrecerá servizos tecnolóxicos a firmas máis pequenas do sector e terá un espazo para a formación de investigadores. A rehabilitación do edificio e equipamento custou 5,2 millóns, dos que a Xunta puxo 4,8.

Alfonso Rueda dixo que este centro ten que ser de toda Galicia, para especializar á comunidade nas tecnoloxías emerxentes e seguir desenvolvendo o tecido empresarial neste eido. Unha das funcións deste centro será crear produtos de intelixencia artificial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade