Abre ao público o belén de Begonte, declarado de Interese Turístico Galego
Os visitantes poden ver máis dun cento de figuras que recrean os oficios tradicionais, como un afiador, que é novidade este ano
Cos seus ollos de cinco anos, o alumnado de sexto de infantil dun colexio de Lugo viu por vez primeira o belén de Begonte. Cun grande abraio, estes pequenos visitantes contemplaron todo un ciclo de día e noite en que se suceden as treboadas, as nevaradas ou o arco da vella sobre o nacemento. Ademais, descubriron máis dun cento de figuras, a metade en movemento, que recrean os oficios tradicionais do agro galego.
"A min chamoume moito a atención que cambiaba de estacións e que mostra moita a realidade deses tempos. Entendo que veñan as excursións, porque ensina moi ben como era antigamente. Ao ser dinámico, os meniños pódeno ver á perfección", sinala a mestra en prácticas Paula Pérez.
Foron, ademais, dos primeiros en ollar as novidades deste nacemento na súa quincuaxésimo cuarta edición. Fundado en 1972, o belén de Begonte foise renovando ano tras ano con novas figuras, como é o caso do afiador ou dunha nora. Ademais, reorganizáronse as pezas durante os dous meses en que se estivo preparando para a súa apertura ao público.
"Temos aquí unha nora que nola deu un señor de Lugo, que dá voltas co seu cabalo, e temos tamén un afiador, que o puxemos novo. Puxemos tamén unha réplica da casa do poeta de Baamonde, de Víctor Corral. E ademais do que incorporamos, modificamos moitas figuras, que se estragan", explica Carlos Torres, colaborador do nacemento electrónico.
Declarado de Interese Turístico Galego, o belén de Begonte é visitado cada ano por máis de 40.000 persoas. Permanecerá aberto as fins de semana e os festivos e mais as vésperas ata febreiro. E durante o Nadal, todos os días.