Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta reclámalle ao goberno que recupere o plan para cofinanciar a construción de vivendas

A Xunta reclámalle ao goberno que recupere o plan para cofinanciar a construción de vivendas

O presidente Rueda di que Galicia ten fondos para participar pero pon condicións sobre o modelo de edificación

A administración autonómica remata as obras de urbanización da primeira ampliación do polígono de Navia, en Vigo

 

 

G24.gal 18/06/2025 14:56

A Xunta reclámalle ao goberno central que recupere a idea de asinar un gran pacto pola vivenda, un dos asuntos que quedaron en suspenso trala última Conferencia de Presidentes. Daquela, a proposta era pór en marcha un plan nacional para construír milleiros de casas e así satisfacer a demanda de aloxamento que se percibe por todo o país.

A idea é que o Estado poña o sesenta por cento dos fondos e as comunidades autónomas interesadas en que se actúe no seu territorio acheguen o outro corenta por cento.

O Goberno galego quere que o Estado recupere a idea e o presidente da Xunta di que Galicia ten capacidade económica para participar. Pero Alfonso Rueda pon condicións: di que o goberno debe ser realista cos prazos e flexible para aceptar que se constrúa o modelo de vivenda que se necesita.

"Se se pode adaptar o tipo de promoción ao que aquí se está demandando e ao mesmo tempo os prazos son razoables, estariamos dispostos a negociar co Ministerio e chegar a acordos rápidos e a ter financiamento", explicou Rueda nun acto en Vigo.

O presidente galego pon o exemplo do que está a facer a Xunta en Vigo, onde está a piques de rematar as obras de urbanización do polígono 1 da ampliación do barrio de Navia. Está previsto que alí se constrúan 733 vivendas, 207 de promoción autonómica. Algún dos edificios xa se están levantando.

"Levamos un par de anos e especialmente este último como obxectivo de lexislatura para cumprir o compromiso de pasar de catro mil a oito mil vivendas públicas feitas directamente pola Xunta de Galicia", lembrou Rueda na súa visita a Navia. "Aí non hai ningunha escusa. Depende de nós, comprometémonos a facelas e imos facelas. E este é un exemplo".

A ampliación de Navia inclúe outras dúas fases que tamén están en obras de urbanización. En total, nese barrio vigués, están proxectadas un total de 1.600 novas vivendas con algún tipo de protección.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade