A Xunta pide unha reunión coa ministra de Vivenda e detalles do plan proposto por Sánchez
A conselleira de Vivenda dirixiu unha carta á ministra do ramo solicitando información detallada sobre o financiamento do plan de vivenda
Sánchez propón triplicar o investimento en vivenda do plan estatal 2022-2025, ata chegar aos 7.000 millóns para toda España

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, dirixiu unha carta á ministra do ramo, Isabel Rodríguez, en que lle pide unha reunión e información detallada sobre a proposta enunciada polo presidente estatal, Pedro Sánchez, en relación a incrementar o financiamento para o impulso da vivenda.
Na carta Martínez Allegue lémbralle á ministra que en días previos á Conferencia de Presidentes celebrada en Barcelona o 6 de xuño, Sánchez dirixiu unha carta aos mandatarios das comunidades propoñendo triplicar o investimento en vivenda do plan estatal 2022-2025 ata chegar aos 7.000 millóns para toda España cunha achega do 40 % por parte das propias autonomías.
"É evidente o interese da Xunta de Galicia tanto en dispoñer de máis fondos para continuar construíndo vivenda de promoción pública, o que nos permitirá incrementar o seu número, como en dispoñer de cofinanciamento para aplicar aos diferentes programas de axudas ou de desenvolvemento de chan residencial que está a impulsar", esgrime.
Na misiva a Xunta subliña que ten comprometida "a totalidade" dos fondos europeos transferidos para a construción de vivendas públicas e continúa construíndo novas vivendas "con fondos exclusivamente autonómicos".
Así mesmo, a conselleira demanda unha reunión coa ministra co fin de poder analizar a proposta e as posibilidades de aplicación da mesma en Galicia.