A Xunta propón reducir as ratios en infantil e primaria a 20 alumnos e os sindicatos din que é "inaceptable"
A Xunta propón reducir as ratios en infantil e primaria a 20 alumnos e os sindicatos din que é "inaceptable"
A proposta non contempla baixada de ratios para secundaria e FP
Debaterase o luns na mesa sectorial
A Consellería de Educación trasladou aos sindicatos unha proposta para rebaixar as ratios a 20 alumnos por aula nos niveis de infantil e primaria, unha proposición que as organizacións ven "insuficiente" e que consideran "inaceptable" porque, entre outras cuestións, non contempla reducións en secundaria ou formación profesional.
A proposta do departamento que dirixe Román Rodríguez será abordada na reunión da mesa sectorial docente que foi convocada para a mañá do próximo luns 2 de outubro, onde os tres sindicatos con maior representación na educación galega (CIG, CC.OO. e UXT) mostrarán o seu rexeitamento ao documento.
O calendario para a redución de ratios esténdese ata o ano 2034 a comezar polo curso 2024/25, cando baixaría o número de alumnos en 4º de infantil a 23.
"É un despropósito que se expoña unha redución de cocientes a dez anos", sentenciou Suso Bermello (CIG), na liña do que manifestou José Fuentes (CC.OO.), que tacha o calendario de "tomadura de pelo". Tamén se opón UXT, cuxa responsable de Ensino, Sandra Montero, cre que a baixada de cocientes debe ser "máis inmediata".
Os sindicatos tamén expresaron o seu malestar porque a proposición de Educación non aborde a demanda de reducir o horario lectivo do profesorado para situalo en 18 horas en secundaria e 21 en primaria.
Proposta retributiva
A proposta en materia retributiva da Xunta contempla subidas lineais de 45 euros mensuais para o persoal que exerza funcións directivas en centros de menos de tres unidades, xefaturas de residencias, membros de equipos de orientación ou asesores técnicos.
Así mesmo, ofrece un incremento mensual do 15 % no complemento específico por formación permanente, medida coa que persegue "incentivar" a "actualización constante de coñecementos e destrezas que repercute nunha mellor atención do alumnado".