Publicador de contidos

A Xunta presenta no cumio de Glasgow a futura lei do clima de Galicia

A Xunta presenta no cumio de Glasgow a futura lei do clima de Galicia

Pretende lograr a neutralidade climática en Galicia en 2050

G24.gal 07/11/2021 15:33

Unha delegación do Goberno galego participa este domingo no Cumio do Clima de Glasgow. Alí deron conta da estratexia da Xunta para minimizar o impacto do quecemento global.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asistiu aos debates do Cumio do Clima das Nacións Unidas, que estes días se está a celebrar en Glasgow. Ángeles Vázquez presentou as liñas mestras da futura lei do clima de Galicia que ten como reto acadar a neutralidade climática en 2050.

A conselleira participou tamén na asemblea xeral da Coalición Under2, o grupo máis grande de estados e rexións comprometidos en reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Nunha entrevista na Radio Galega, Vázquez salientaba que "é o momento de dar un grande impulso".

"A mensaxe é non ao fatalismo, si ao optimismo, que todos nos poñamos a traballar ao igual que o está facendo Galicia"

Neste encontro asinou o Memorando de Entendemento co que Galicia asume o reto de poñer en funcionamento, de forma coordinada, as medidas e actuacións necesarias para limitar o quecemento global.

A conselleira de Medio Ambiente asegura que "imos polo bo camiño" e remarca que en Galicia xa se reduciron as emisións un 23,8%. Lembra que o compromiso é chegar a unha redución do 55 % en 2030 e a un equilibrio de emisións e absorcións en 2050.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade