A Xunta creará oficinas específicas para axudar os afectados polos lumes
Estarán nas sedes dos Grupos de Desenvolvemento Rural do Courel, Vadeorras e Monterrei
Tamén se asinarán convenios específicos con concellos para a reparación de bens ou servizos afectados polo lume
A pegada do lume no Courel deixou máis de 11.000 hectáreas arrasadas, nunha zona de gran valor natural.
Lola Castro, alcaldesa do Folgoso do Courel: "Só pensar nos valores todos que se perderon neste inferno produce moita tristura pero hai que mirar cara adiante e comezar de cero".
Comezar de cero no maior incendio da historia de Galicia afectou a inmobles, ao redor de 15 só en Folgoso, explotacións agrogandeiras, actividade turística... Para reparar os danos a Xunta habilitou ata 9 millóns de euros en distintas liñas de axudas. Co obxectivo de axilizar o acceso ás subvencións porá en marcha oficinas de tramitación especificas nas zonas afectadas.
Diego Calvo, vicepresidente segundo da Xunta: "Un veciño que perdeu a súa vivenda ou o seu xeito de vida o que quere é que alguén lle axude a tramitar esas subvencións e non pasar un proceso complicado. Ao final o que queremos é que os veciños teñan máis facilidade para poder acceder a esas axudas e canto antes".
As oficinas localizaranse nas sedes dos grupos de desenvolvemento rural do Courel, Valdeorras e tamén de Monteval, en Monterrei.
José Manuel Arias, presidente dos GDR Ribeira Sacra: "Nós somos uns grandes coñecedores do territorio por iso é un acerto contar cos GDR para axudar na tramitación destas axudas".
O vicepresidente segundo da Xunta tamén subliñou que se asinarán convenios cos concellos para cubrir as perdas ocasionadas polos incendios que non estaban incluídas noutras liñas de axudas. Diego Calvo destacou ademais que ampliarán a contía das subvencións sempre que sexa necesario para atender todos os damnificados.