A oficina agraria móbil da Xunta facilitará xestións no rural
Funcionará de luns a venres e cada semana percorrerá unha provincia
Á rede das 68 oficinas agrarias que hai espalladas por Galicia únese a partir da vindeira semana un camión que prestará os mesmos servizos agrarios e veterinarios que as oficinas físicas. Ademais de facer trámites, no vehículo tamén hai espazo para darlles cursos a gandeiros e agricultores.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, di que é un servizo pioneiro para facilitar as xestións no rural, dende os impresos da PAC ata resolver dúbidas sobre leis ou recibir información sobre subvencións.
"As explotacións estarán a quince minutos dunha oficina agraia"
"O que pretendemos con esta oficina é que a maioría das explotacións estean a quince minutos de información e tramitación no rural", afirmou o presidente do Goberno galego.
A Xunta anunciará con antelación a ruta da oficina móbil, que estará aberta ao público de luns a venres, cada semana nunha provincia.