A Xunta mantén a vixilancia sobre 10 ríos por posibles desbordamentos
A situación mellora con respecto a días pasados
A Xunta mantén activo o Plan Inungal, en fase de preemerxencia, e 10 ríos están baixo vixilancia por posibles desbordamentos puntuais.
Desta forma, na provincia da Coruña o foco está posto nos ríos: Mero (Cambre e Betanzos), Valiñas (Abegondo), Barcés (Abegondo) e Tambre (Oroso e Trazo).
Na provincia de Pontevedra, están en seguimento os ríos Gallo (Cuntis), Lérez (Pontevedra) e Maceiras (Redondela) e na provincia de Ourense o Miño (A Peroxa) e Limia (Bande).
Ante isto, a central de emerxencias recomenda manter as precaucións nestas contornas xa que poden producirse desbordamentos puntuais.
No caso da demarcación da Confederación Hidrográfica Miño Sil, na mañá deste luns ningún dos puntos de control dos río estaba en limiar vermello, aínda que tres permanecen en nivel laranxa: o río Miño na Peroxa, o río Miño en Ourense e o río Limia en Ponteliñares (Bande).
Os encoros xestionados pola CHMS descenderon levemente os seus niveis, aínda que moitas presas seguen en torno ao 90 % da súa capacidade e varias están desaguando, como Velle en Ourense (cun caudal de saída de máis de 1.400 metros cúbicos por segundo), Montefurado en Quiroga (128 metros cúbicos por segundo) Ou Bao no Bolo (112 metros cúbicos por segundo).