Levantan a situación 2 que estaba vixente na provincia de Ourense desde hai 15 días
Galicia superou xa o peor rexistro do século en superficie calcinada, con 96.000 hectáreas desde xullo
Na provincia seguen activos os incendios de Avión e Carballeda de Valdeorras
A Xunta levantou a situación 2 de emerxencia en que se atopaba a provincia de Ourense, desde o pasado martes 12 de agosto, xa que o estado dos incendios "está a mellorar" aínda que "sen baixar a garda" aínda.
Así o manifestou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha visita este martes ao Centro de Coordinación Provincial de loita contraincendios (Cecop), onde lembrou que se tratou dunha decisión "excepcional" pero considera que foi "adecuada" xa que permitiu facer "todo o que houbo que facer estes días".
Tras a decisión, adoptada polo Cecop, de retirar o nivel de emerxencia en Ourense, só queda declarada a situación 2 ante o incendio da Pobra de Brollón, iniciado onte luns, e hai tres lumes activos na comunidade, polo que "hoxe é un día de agradecementos", dixo Rueda, aínda que a tempada de incendios "non terminou e quedan días moi complicados".
Galicia superou xa o peor rexistro do século en superficie calcinada. Desde o un de xullo os incendios queimaron preto de 96.000 hectáreas. A provincia de Ourense segue a ser a máis afectada.
Avión-Nieva: 250 hectáreas
Nestes momentos continúa activo o incendio de Avión, que comezou o domingo pola tarde na parroquia de Nieva, e que xa afecta unha superficie estimada de 250 hectáreas (100 máis que esta mañá). Os labores de extinción, por aire e por terra, son complexos.
A aldea máis próxima é a de Cerdeiroa, onde non houbo situacións de risco para as persoas, pero si se recomendan certas precaucións. Na provincia de Ourense tamén segue activo o incendio de Carballeda de Valdeorras. Comezou ao luns 18 na parroquia de Casaio e, segundo os últimos cálculos, afecta a unhas 4.700 hectáreas. Son xa moitos de loita contra o lume, coa axuda dos veciños.
Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 4 técnicos, 25 axentes, 45 brigadas, 26 motobombas, 5 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio: 5.000 hectáreas
Segue activo, desde as 18.42 horas do luns 18, o lume do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 5.000 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 53 axentes, 95 brigadas, 41 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións.
Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos:19.000 hectáreas
Desde as 13.01 horas de onte luns permanece estabilizado na súa totalidade o lume de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso (Mormentelos). Estes incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 173 axentes, 229 brigadas, 124 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Larouco-Seadur: 30.000 ha
Desde as 11.25 horas do sábado 23 permanece estabilizado o incendio iniciado o mércores 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 244 axentes, 319 brigadas, 251 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Oímbra e Xinzo de Limia: 17.000 ha
Este incendio continúa estabilizado na súa totalidade. O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22.29 horas do venres 22, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02.45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 167 axentes, 228 brigadas, 144 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Mezquita-A Esculqueira: 10.000 ha
Segue estabilizado, desde as 21.20 horas do venres, día 22, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este incendio afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 53 axentes, 74 brigadas, 61 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Carballeda de Avia e Beade: 4.000 ha
O venres día 15 ás 16.38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia.
Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 6 técnicos, 111 axentes, 192 brigadas, 104 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Vilardevós-Vilar de Cervos: 900 ha
Está controlado desde as 14.56 horas de hoxe martes o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado o mércores 13 ás 18.09 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas.
Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 23 axentes, 16 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 7 avións.
Controlado Montederramo-Paredes: 120 hectáreas
Continúa controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro): 3.500 hectáreas
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 101 axentes, 157 brigadas, 87 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 19 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
En total, ao redor de 96.000 hectáreas queimáronse en incendios forestais este mes de agosto. Ata agora produciuse a detención de 12 persoas en relación cos incendios e hai outras 22 investigacións en curso,