A Xunta investirá 60 millóns en 2026 na construción e reforma de centros de saúde
O Consello da Xunta tamén acorda incrementar un 14 % a partida para a medicina xenómica
O Consello da Xunta aprobou este luns destinar case 60 millóns de euros durante 2026 á construción e reforma de centros de saúde por toda a comunidade.
Segundo explicou Alfonso Rueda, á finalización da reunión do seu equipo de Goberno, "o ano que vén comezará a construción dos centros de saúde de Muíños e Boborás", ademais de "continuar coas obras xa iniciadas do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, o da Milagrosa, en Lugo, ou o da Rúa".
O presidente da Xunta tamén fixou a intención de avanzar nos trámites para a construción dos centros de saúde de Barro, Noia, Meis, Teo, Mos e Ponteareas.
Ademais, o Consello da Xunta tamén tomou a decisión de aumentar nos próximos dous anos un 14 % a achega para a medicina xenómica, a que permite detectar e previr enfermidades raras, oncolóxicas e hereditarias. Isto, permitirá facer en 2026 facer máis de 40.000 probas xenéticas.
Sobre a folga en Atención Primaria prevista para esta semana en Galicia, o presidente da Xunta confía nun acordo para desconvocala e insiste en que a Xunta seguirá buscando solucións á falta de médicos.