O valor mineiro de Galicia pode chegar aos 45.000 millóns de euros, segundo un estudo da USC
A investigación encargada pola Xunta de Galicia destaca a presenza 18 dos 34 "minerais críticos"
A Xunta investirá 60 millóns en 2026 na construción e reforma de centros de saúde
Arquivo (Europa Press)
"Galicia rexistra unha das concentracións máis significativas de minerais críticos de todo o continente europeo", asegurou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, atendendo a un informe elaborado pola USC, por encargo da administración autonómica, para avaliar a potencialidade mineira do país.
Segundo ese estudo, o valor mineiro de Galicia pode chegar aos 45.000 millóns de euros (entre 25.000 e 45.000 millóns), o que segundo Rueda supón "unha oportunidade que non podemos perder".
Segundo o informe da USC, hai presenza en Galicia de 18 das 34 materias primas "críticas" identificadas pola UE para sectores industriais clave.
O estudo, para o que se recolleron máis de 43.000 mostras xeoquímicas en 127 zonas de Galicia, identifica cinco corredores principais: Santiago-Touro-Lalín, rico en cobre, cobalto, zinc, galio, xermanio e indio; cabo Ortegal-Moeche, con elementos como o cromo, e do grupo do platino; Penouta-Forcarei, con tantalio, niobio, litio e estaño, sendo o único con produción activa de tantalio en Europa; san Fins-Santa Comba, con volframio, estaño e bismuto; e Vigo-Tui-O Porriño, corredor das terras raras.
"Somos unha rexión de excepcional potencial xeolóxico", asegura a conselleira de Economía e Enerxía, María Jesús Lorenzana, quen destacou que xa "estamos a producir un 9,5 % da actividade mineira de todo o Estado".
Lorenzana destacou que, segundo a clasificación realizada no estudo da USC, hai "unha posición de liderado do tantalio e niobio, que dá vantaxe competitiva a Galicia como único produtor europeo, as terras raras e o litio supoñen a maior oportunidade de crecemento futuro, e o volframio, así como o sistema de cobre e cobalto, proporcionan bases moi sólidas para o desenvolvemento de capacidades industriais complementarias".
Entre os proxectos en tramitación para a explotación destes minerais atópase algúns tan polémicos como a mina de cobre de Touro, a da Penouta en Viana do Bolo, de cobalto e tántalo, que xeraron protestas sociais e procesos xudiciais.
María Jesús Lorenzana asegurou que a "luz verde ou non" para estes ou outros proxectos non terá nada que ver co resultado deste informe, senón que se tramitarán, como todos, desde o punto de vista ambiental e industrial.
En todo caso, considerou que a Xunta debe ser "proactiva" en promover os concursos de permisos de investigación para que se poida iniciar as futuras explotacións, pero isto "non significa que automaticamente a mina poida ser explotada" porque a partir de aí hai que facer "toda a tramitación ambiental" como calquera proxecto industrial e "haberá algúns que sexan viables e outros non".
"Temos que pasar dese momento de non queremos un eólico ou unha mina á beira a reclamar que exista un recurso natural que se poida aproveitar preto dos nosos fogares porque esa poboación en concreto vai ser máis rica", dixo, en referencia a facer cumprir as medidas previstas na lei de beneficios dos recursos naturais.