A Xunta insta ao Goberno a reconsiderar a protección do lobo
O Congreso rexeita unha proposición de lei do PP para retirar o lobo da listaxe de especies protexidas
A conselleira lamenta a "nula sensibilidade" do Goberno co mundo rural
Ánxeles Vázquez di que Galicia non recibiu as axudas para compensar polos danos
O Congreso rexeitou unha proposición de lei do Partido Popular para retirar o lobo da listaxe de especies protexidas. Os populares acusaron o Goberno de ir contra os intereses dos gandeiros. O PSOE acusounos de crear unha falsa dicotomía entre economía e protección do medio ambiente.
"Incluír o lobo no Lespre, é dicir, deixar que creza de xeito descontrolado, que lle falten alimentos e provoque medo e furtivismo non é protexer o lobo. É acabar coa gandería", explica Milagros Marcos do PP.
"Vostedes tratan, con esta proposición de lei, de xerar unha especie de dicotomía entre a economía e o lobo. Deixen que lles negue a maior: non é posible xerar unha gandería extensiva e sustentable sen unha contorna que o sexa", comentou Omar Anguita do PSOE.
A Xunta lamenta que non prosperase a proposición de lei para sacar o lobo da listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial. A conselleira de Medio Ambiente Ánxeles Vázquez reprochoulle ao Goberno antepoñer a ideoloxía ao benestar dos gandeiros.
Ánxeles Vázquez cre que a postura do executivo "é ideolóxica, e non podemos facer ideoloxía nin política con algo tan serio como o medio ambiente e a protección dos gandeiros e as gandeiras".