A Xunta habilita unha liña de axudas para sacar os carnés de camión e bus
Este plan pretende favorecer a empregabilidade ante a gran demanda que hai no sector do transporte
As axudas poderanse solicitar dende as propias autoescolas
As empresas de transportes xa levan tempo tendo que loitar ca dificultade de atopar condutores para camións e autobuses, algo que xa advertiron en ocasións.
Por isto, a Xunta publicou unha liña de axudas para os permisos de condución das clases C e D este mércores que se poden tramitar dende as propias autoescolas.
"Buscamos mellorar a empregabilidade da poboación e profesionalizar o sector. As axudas van dirixidas a todo o conxunto da poboación e as axudas o que requiren é estar empadroado en Galicia", declarou Judit Fontela, a directora xeral de Mobilidade.
Todos os empadroados en Galicia antes do 30 de outubro de 2024 poderán optar a estas axudas presentadas en Narón por Fontela.
A subvención axuda a cubrilos custos da formación de condutor de camión ou da de condutor de autobús de viaxeiros.
"Por unha banda, os carnés C e D, e por outra, o certificado de aptitude profesional (CAP). A cuantía por cada alumno e por cada liña é de 1.200 euros", explicou a directora xeral de Mobilidade.
Estas axudas pódense solicitar a partir de mañá nas autoescolas, que terán un prazo dun mes para inscribirse como entidades colaboradoras.