A Xunta estuda ampliar a rede de farmacias sentinela para previr enfermidades
A Consellería de Sanidade traballa para ampliar a colaboración coas farmacias a novos ámbitos de vixilancia
Antonio Gómez Caamaño indicou que as oficinas de farmacia son "aliadas estratéxicas" que permiten anticipar o impacto da gripe e dotar dos recursos necesarios.

A Consellería de Sanidade estuda a creación dunha rede de farmacias sentinela de saúde pública co obxectivo de previr enfermidades e anticipar as respostas.
Así o indicou o titular deste departamento autonómico, Antonio Gómez Caamaño, durante a súa participación no acto de recoñecemento das 70 farmacias que se incorporaron á rede sentinela creada pola Xunta co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade autónoma.
Os establecementos farmacéuticos que integran a Rede de Farmacias Sentinela de Galicia recibiron unhas placas distintivas coas que a consellería recoñeceu o traballo realizado durante os últimos meses no ámbito da vixilancia epidemiolóxica.
Un total de 30 farmacias da provincia da Coruña, 10 da de Lugo, 10 da de Ourense e outras 20 da provincia de Pontevedra, no marco do plan galego de inverno posto en marcha pola Xunta, remitiron semanalmente información puntual sobre a dispensación de tests de antíxenos e os medicamentos antigripais máis consumidos.
Segundo avanzou Gómez Caamaño, a consellería está a avaliar a posibilidade de ampliar tanto o número de oficinas que integran a rede de farmacias sentinela como os ámbitos epidemiolóxicos e as patoloxías para monitorizar.
O responsable sanitario explicou que os establecementos farmacéuticos tamén poden contribuír a anticipar "o impacto da aerobioloxía nas persoas alérxicas" ou a "presenza de mosquito tigre ou carrachas".
Destacou a capacidade e a proximidade das oficinas de farmacia á hora de difundir os programas de promoción de saúde que a Xunta ten en marcha, como pode ser o de prevención do tabaquismo, as diferentes campañas de vacinación ou os programas de cribado poboacionais que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública.
Gómez Caamaño indicou que as oficinas de farmacia son "aliadas estratéxicas" que permiten anticipar o impacto da gripe e dotar a asistencia dos recursos necesarios.