O Supremo obriga a Audasa a devolver as peaxes cobradas durante as obras de Rande
A concesionaria terá que reintegrar as cantidades cobradas entre febreiro de 2015 e xuño de 2018 durante os traballos de ampliación da ponte
O Alto Tribunal revoga a sentenza da Audiencia Provincial e confirma así a de primeira instancia
O Tribunal Supremo dálle a volta ao que resolveu a instancia inferior no caso das peaxes que a concesionaria da AP-9 cobrou, entre febreiro de 2015 e xuño de 2018, a pesar dos atascos reiterados que provocaron as obras de ampliación da ponte de Rande.
O Alto Tribunal, nunha sentenza que se publicou este martes, estimou o recurso presentado pola Fiscalía e obriga a Audasa a devolver as peaxes cobradas aos usuarios da autoestrada afectados por 81 incidencias durante estas obras.
Os maxistrados da Sala do Civil revogan así a sentenza da Audiencia de Pontevedra que dera a razón á compañía, despois de que esta recorrese o resolto polo Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra que tamén avalaba a devolución desas peaxes.
O Supremo, por tanto, confirma integramente a sentenza de primeira instancia, que ademais de considerar "abusiva" a actuación de Audasa, ordenáballe a devolución a todos os consumidores das cantidades "indebidamente pagadas".
"A concesionaria da autoestrada cobra integramente a peaxe, a pesar da realización de obras que entorpecen unha circulación fluída, constitúe unha práctica non consentida expresamente", destacan na resolución.
Consideran que houbo falta de información por parte da concesionaria e recoñecen que os usuarios do vial "non consentiron a práctica de cobrarlles integramente a peaxe a pesar da defectuosa prestación do servizo porque non tiveron a facultade de decidir, ao non dispoñer da información pertinente sobre a incidencia do tráfico".
A sentenza considera probado a "falta de reciprocidade" e "desequilibrio" que se produce entre os dereitos e obrigacións de concesionaria e usuarios. O Supremo di ademais que Audasa tiña a obriga de informar das incidencias con antelación suficiente para que o condutor puidese decidir coller ou non a autoestrada.
"Unha autoestrada é un contrato mercantil dunha prestación de rapidez, fluidez, seguridade. Neste caso non se cumpriron. A autoestrada era insegura, había obras. A autoestrada era lenta, e iso supón que o importe que se estivo cobrando non tiña dereito Audasa a cobralo", di Diego Maraña, presidente da Asociación de Consumidores En-Colectivo.
Os afectados deberán acreditar esta condición documentalmente, concretamente, que son consumidores da vía, que circularon por ela nas datas establecidas e as cantidades abonadas polas peaxes. Non se sabe con certeza cantos usuarios poderán reclamar os cartos. No seu día, 300 condutores acreditaron o pago das peaxes que agora se consideran indebidas.
"Ou ben, de xeito voluntario, inicia as devolucións aos afectados ou nós, como asociación de consumidores iniciaremos unha demanda de execución á que poderán adherirse todos os afectados que xustifiquen os pagos indebidos", afirma Diego Maraña, presidente da Asociación de Consumidores En-Colectivo.
A sentenza é firme.