Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta espera mobilizar máis de 11 millóns en vendas co Bono Activa Comercio

A Xunta espera mobilizar máis de 11 millóns en vendas co Bono Activa Comercio

En pouco máis de dous días esgotáronse os 2,5 millóns de euros destinados inicialmente

O conselleiro de Emprego subliñou que esta ampliación é unha mostra de compromiso co comercio de proximidade

A ampliación do Bono Activa Comercio da Xunta xa se pode descargar este luns

Foto de arquivo. Imaxe da campaña Bono Activo Comercio da Xunta (Xunta de Galicia/Europa Press)
G24.gal 09/12/2024 12:08

A Xunta arrinca este luns ás 9:00 horas a ampliación do crédito dos Bonos Activa Comercio con 2,5 millóns de euros e o obxectivo de mobilizar máis de 11 millóns de euros en tendas de proximidade.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou na mañá deste luns o comercio téxtil Sarto, un dos adheridos á sexta edición, tras o éxito conseguido e despois de esgotarse en pouco máis de dous días os 2,5 millóns de euros destinados inicialmente.

Neste tempo, foron descargados máis de 255.000 bonos e, con esta ampliación, levan adheridos ao redor de 7.100 establecementos aos que se poden sumar máis. Ademais, este luns, en apenas media hora dende a súa reactivación, a iniciativa levaba máis de 7.000 novos bonos descargados, cifras que se irán incrementando ao longo da xornada.

Tendo en conta as edicións convocadas dende o 2021, o Goberno galego prevé mobilizar preto de 100 millóns de euros en vendas, tras investir en total preto de 19 millóns.

En relación cos usuarios, aquelas persoas que xa se descargaran o bono e non o consumisen enteiro poden facelo agora e as que aínda non o teñan dispoñen dunha nova oportunidade para obtelo na web https://www.bonosactivacomercio.gal/ para poder beneficiarse dos descontos de ata 30 euros nas compras que realicen nos comercios adheridos.

No caso daqueles usuarios que descargaron o bono desta sexta edición e eliminárono sen chegar a gastalo, poderán volver descargalo dende xa para usalo.

Emprego dos bonos

Os títulos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros; a rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros e, a partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Tal e como establecen as normas da convocatoria, cada persoa pode descargar un único bono, polo que se un usuario xa fixo uso do seu bono en novembro, non pode volver descargar outro agora.

Comprometidos co sector

O conselleiro de Emprego subliñou que esta ampliación é unha mostra do compromiso da Xunta co comercio de proximidade, actividade vital na xeración de riqueza e emprego, na fixación de poboación e na vertebración das vilas e cidades galegas, xa que este sector xera na Comunidade 107.000 postos de traballo.

Neste sentido, sinalou que, tal e como avala a experiencia, esta acción contribúe con éxito a fidelizar a clientela e asegurar o mantemento e futuro dos establecementos en beneficio da cidadanía, ademais, nun momento clave, como as datas próximas ao Nadal.

Por iso, engadiu, no 2025 o Goberno galego seguirá impulsando os Bonos Activa Comercio, cunha consignación de 5 millóns nos orzamentos e continuará avanzando no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 da man de todos os axentes implicados, coa previsión de telo listo no primeiro trimestre do ano que vén e cuxo obxectivo é poñer á disposición do sector as ferramentas necesarias para afrontar os retos que teñen por diante, así como medidas para garantir a substitución xeracional.

Outros exemplos recentes do compromiso da Administración autonómica co comercio de proximidade son os Premios do Comercio Galego, os Premios de Artesanía de Galicia e a iniciativa de dinamización comercial Artesanía, saber e sabor, celebrada en Ribadavia. Esta acción é o punto de partida do proxecto Vilas Vivas, que se impulsará o próximo ano co fin de reforzar a dinamización do tecido comercial de vilas e cabeceiras de comarcas galegas apostando por espazos efémeros ligados ao territorio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar