Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta destinará 4,6 millóns de euros para a restauración e posta en valor de zonas húmidas en Galicia ata 2028

A Xunta destinará 4,6 millóns de euros para a restauración e posta en valor de zonas húmidas en Galicia ata 2028

Galicia conta actualmente con 646 zonas húmidas inventariadas, que suman un total de 45.141 hectáreas e albergan unha notable biodiversidade

Alfonso Rueda subliñou a importancia deste tipo de actuacións para conservar e poñer en valor unha parte esencial do patrimonio natural de Galicia

G24.gal 03/02/2026 12:44

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este martes os algo máis de 4,65 millóns de euros que investirá o Goberno galego no desenvolvemento de diferentes actuacións para a restauración e posta en valor de zonas húmidas de interese localizados nas catro provincias ata o ano 2028.

"Son fundamentais: serven para a descarbonización, para regular as inundacións e contribúen a manter a biodiversidade, esa Galicia Calidade que hai que seguir coidando, que fai que tanta xente veña visitarnos e que nos fai sentir tan orgullosos do que temos", destacou durante a visita ás Gándaras de Budiño, no Porriño.

Coincidindo coa conmemoración este luns do Día Mundial das Zonas Húmidas, Rueda e a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, visitaron este ecosistema, incluído na Rede Natura 2000, que está a ser recuperado grazas a un investimento de 1,5 millóns de euros, cofinanciados con fondos NextGenerationUE e Feder.

O obxectivo xeral desta intervención é duplicar a superficie da lagoa de 6.000 metros cadrados, que xa está a ser recuperada a través de traballos de restauración iniciados o pasado mes de agosto. Así mesmo, a Administración autonómica tamén está a levar a cabo outras accións neste espazo como a instalación dun sistema de filtrado para as augas; o acondicionamento do observatorio de aves; a mellora do centro de interpretación; a eliminación de especies alóctonas e a mellora dos accesos.

O presidente destacou que a actuación nesta zona húmida é un exemplo de que "é posible compatibilizar o desenvolvemento industrial co mantemento da natureza" e de que "non hai que renunciar a ningunha das dúas cousas".

"O Porriño é un dos concellos máis industriais de Galicia, pero isto é a demostración de que é posible ter aquí preto industrias, naves, moita economía e un espazo tan bonito como este. É posible vivir no territorio, vivir na economía e coidar o territorio", engadiu.

A continuación, Alfonso Rueda subliñou a importancia deste tipo de actuacións para conservar e poñer en valor unha parte esencial do patrimonio natural de Galicia. Nesta liña, lembrou que, a pesar de que a comunidade galega é un territorio con auga, "hai que saber regulala, aproveitala e conservala".

Outras actuacións

Á actuación das Gándaras de Budiño, a única que se executará na provincia de Pontevedra, súmanse outras que levarán a cabo en diferentes espazos costeiros localizados na provincia da Coruña; en zonas húmidas do complexo da Terra Chá, en Lugo; e nos principais espazos destas características que conforman o complexo húmido da Limia, na provincia de Ourense.

Estas accións daranlle continuidade a diferentes medidas e proxectos executados nos últimos catro anos por un importe de preto de 1,3 millóns de euros e que permitiron abordar a restauración de hábitats dunares no Parque Natural de Corrubedo, na ZEC de Valdoviño ou na lagoa de Cospeito.

Galicia conta actualmente con 646 zonas húmidas inventariadas, que suman un total de 45.141 hectáreas e albergan unha notable biodiversidade.

Entre as zonas húmidas galegas destacan especialmente seis incluídos na lista Ramsar, un rexistro internacional que integra as zonas húmidas máis importantes do mundo polo seu interese ecolóxico e transcendencia para a conservación da biodiversidade. Son, concretamente, a ría de Ribadeo; as rías de Ortigueira e Ladrido; lagoa e areal de Valdoviño; o complexo de Corrubedo; o complexo intermareal Umia-O Grove; e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade