A Xunta rexeita a petición de Santiago de ser declarada zona tensionada
A Xunta entende que a solicitude presentada non responde á documentación requirida
O Concello de Santiago deberá iniciar de novo o trámite de solicitude

A Xunta de Galicia rexeitou a petición do Concello de Santiago para declarar a cidade zona de mercado residencial tensionado, ao entender que non respondeu á documentación pedida no requirimento enviado ao consistorio hai un mes.
Agora a Xunta insta a Santiago a presentar de novo a solicitude coa documentación requirida para que se poida tramitar e iniciar o trámite de novo.
A Consellería de Vivenda lanzou un comunicado no que lembra que pediu ao Concello que completase a documentación que debe presentar para completar o plan específico de medidas correctoras, xa que as incluídas carecían de incidencia real.
Tamén se incluíron dúas cuestións a maiores como a de elaborar dun novo documento de diagnóstico feito con datos oficiais, cuestión á que tampouco responderon.
Ademais faltaba motivar a proposta de reducir de 10 a 5 o número de vivendas para a consideración de gran posuidor, mais dende o Concello din que se basearon en datos dunha investigación da Universidade da Coruña.
A Consellería sinala que ofreceu á alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, a posibilidade dunha reunión entre os técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e os do Concello, pero que se obviou pola parte da alcaldesa.
Sanmartín ve “intención política” e insiste na declaración
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, denunciou a decisión da Xunta de rexeitar a solicitude, na que ve unha “intención política” e advirte que o goberno persistirá na súa intención de conseguir esta declaración.
“Santiago non desiste nin vai desistir da solicitude de zona de mercado residencial tensionado”, proclamou a rexedora.
Sanmartín tamén reprochou que a resposta da Xunta “chegou antes á prensa que ao Concello, o que demostra unha clara intención política”.
“É evidente que ao Partido Popular non lle interesa que se conteñan os prezos do alugueiro en Santiago”, axuizou a alcaldesa, .
Con todo, Sanmartín advertiu que “a principal vítima desta decisión da Xunta son os veciños de Santiago”.