O incendio de Pantón salta o río Cabe e avanza polo concello de Sober
Desaloxan as aldeas de Cotillón, Cibrisqueiros, Frontón, Budián e Acedre, debido ao incendio de Pantón
No incendio do Bolo confináronse os núcleos de Lentellais, Santa Cruz e O Bolo
O incendio de Pantón queimou xa 700 hectáreas e o do Bolo sobe a 200
Os equipos de emerxencias tiveron que desaloxar na tarde deste venres as aldeas de Cotillón, Cibrisqueiros, Frontón, Budián e Acedre pola proximidade das lapas do incendio de Pantón.
O lume arrasou xa 700 hectáreas na zona e atravesou o río Cabe, pasando dende Pantón ao concello veciño de Sober.
ACTUALIZACIÓN:
— 112 Galicia (@112Galicia) September 19, 2025
▶️Foron evacuadas un total de 47 persoas dos núcleos de Cibrisqueiros, Frontón e Budián, no concello de #Pantón.
▶️Concretamente, 6 persoas en Cibrisqueiros, 20 en Frontón e 21 en Budián.
▶️ @guardiacivil segue revisando máis núcleos. pic.twitter.com/wO9e0kx1jc
Segundo Medio Rural, un brigadista tivo que ser evacuado debido á inhalación de fume durante esta madrugada como consecuencia do incendio de Pantón. Foi trasladado ao hospital comarcal de Monforte de Lemos en estado leve e xa foi dado de alta.
Como consecuencia do fume provocado polo incendio houbo que cortar a vía férrea este xoves contra as 16:30 da tarde e habilitar medios de transporte alternativos para os usuarios do ferrocarril.
Tamén quedou interrompido o tráfico na estrada provincial que comunica Santo Estevo de Ribas de Sil con Ferreira, a LU-P-4103. Actualmente, segundo o 112 Galicia, a estrada está aberta ao tráfico.
En canto ás causas do incendio, o alcalde dixo que aínda non se sabe que puido provocar o lume, pero si “que comezou na contorna da vía do tren”.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 45 axentes, 63 brigadas, 49 motobombas, 8 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 12 avións. Neste incendio solicitouse a mobilización de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, comentou que esta "vai ser unha noite previsiblemente complexa".
Barreiros-San Xusto de Cabarcos 140 hectáreas
Segue controlado desde o pasado martes 16 ás 21.59 horas o incendio forestal rexistrado no concello de Barreiros, parroquia de San Xusto de Cabarcos, iniciado o domingo 14 ás 16.14 horas.
Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 140 hectáreas de monte arborado.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 8 técnicos, 77 axentes, 104 brigadas, 81 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 2 avións.
O incendio do Bolo obriga a confinar Lentellais, Santa Cruz e O Bolo e chega xa ás 200 hectáreas
Mentres tanto, continúa o nivel 2 de alerta no incendio de Viana do Bolo.
Por seguridade confináronse tamén os núcleos de Santa Cruz, Lentellais e O Bolo.
As proximidade das lapas obrigou tamén a cortar a estrada OU-533 dende o quilómetro 33 ao 38.
ACTUALIZACIÓN:
— 112 Galicia (@112Galicia) September 19, 2025
▶️Confináronse os núcleos de Lentellais, Santa Cruz e O Bolo.
▶️Cortada a estrada OU-533 desde o KM 33 ao 38. pic.twitter.com/3ioEeQcuK5
O incendio comezou ás 23:47 horas deste xoves.
Por agora, mobilizáronse para a súa extinción 11 avións, 6 helicópteros, tres técnicos, 16 axentes, 25 brigadas, 15 motobombas e unha pa. Ademais, tamén traballan na zona os bombeiros da Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (Brif) con base en Laza (Ourense).