A Xunta recomenda seguir usando a máscara nas aulas, pero será voluntario
A Consellería de Educación lembra que é moi importante que a leven posta aqueles membros da comunidade escolar que sexan vulnerables
Debe usarse sempre cando se teñan síntomas respitarios, con consideración e prudencia
A recomendación do uso das máscara mantense en Galicia para os centros educativos, especialmente para os membros da comunidade escolar que sexan vulnerables ou que teñan síntomas respiratorios. Pero é só unha recomendación: a partir da mañá o seu uso nas aulas será voluntario.
O conselleiro de Educación Román Rodríguez explicou que non se pode contravir un mandato legal. Polo tanto, os centros escolares non poderán esixirlles aos seus alumnos que leven máscara nas aulas.
Iso si, a Xunta de Galicia segue mantendo a recomendación de uso no interior das aulas e pide que os alumnos se comporten dentro dun marco de prudencia, consideración e respecto.
"O decreto do Estado fixa claramente que se pode retirar, e nós na Xunta propoñemos que se poida manter voluntariamente dentro da aula, e iso está dentro da normalidade", explicou Román Rodríguez.
O titular de educación comparou a situación coa voluntaridade da máscara na rúa: "Non é obrigatorio pero eu lévoa por prudencia, e ás veces sácoa. Se un neno ou mozo a quere levar na aula estamos a favor, por ese principio de prudencia. Pero obrigar non se pode porque existe un mandato legal moi claro".
Pola súa parte, Cataluña adiantouse un día ao resto de España e hoxe os nenos xa non tiveron a obriga de poñer a máscara nas aulas, aínda que algúns optaron por mantela.
O Govern catalán di que os cativos volvían hoxe á clase logo das vacacións e non tiña sentido obrigalos a poñela para deixar de facelo mañá.
O exministro Salvador Illa, líder do PSC, acusa o Goberno catalán de romper a unidade.