A Xunta aumentará en 1.800 as vivendas do parque público para alugueiro social
A Xunta destinará 250 millóns de euros ata o 2026 a facilitar o acceso á vivenda en Galicia
A Xunta vai aumentar un 50% o parque de vivendas públicas para alugueiro social, con 1.800 casas máis, e impulsará a construción de 3.000 vivendas protexidas. O presidente, Alfonso Rueda, explicou hoxe que van destinar 250 millóns de euros ata o 2026 a facilitar o acceso á vivenda en Galicia.
Nos próximos catro anos a Xunta ten o obxectivo de aumentar das 3.800 actuais a 5.600 as vivendas públicas para alugueiro social. Das 1.800 novas, un milleiro serán de nova construción, promovidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, e unhas 260 por promotores privados e concellos con axudas da Xunta. A oferta completarase con inmobles rehabilitados e pisos mercados aos bancos.
"É unha das prioridades da Xunta e máis nestes momentos, cando os prezos dos alugueiros son altos e ademais hai escaseza de inmobles no mercado para alugar. Destinaremos 250 M de euros, un 70% de fondos propios da Xunta e un 30% a cargo a fondos Next Generation", explicou o xefe do Goberno galego.
Alfonso Rueda explica que a Xunta vai impulsar en paralelo a construción de 3.000 vivendas protexidas a través de promotores privados e cooperativas. O Goberno galego porá a disposición dos interesados o solo urbanizado que ten dispoñible para facer vivendas de protección oficial.