Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta asegura que a vertedura no Tambre "non é contaminante"

A Xunta asegura que a vertedura no Tambre "non é contaminante"

A chegada de áridos procedentes da balsa dunha canteira non afecta o abastecemento nin as especies, segundo din desde Augas de Galicia

G24.gal 05/04/2023 16:03

Segundo os datos que manexa nestes momentos Augas de Galiciaa vertedura de áridos ao río Tambre, logo da ruptura dunha balsa dunha canteira en Frades este luns, non está a afectar as especies nin o abastecemento de auga dos concellos.

O río xa recuperou a súa cor habitual, a pesar de que esta mañá nalgunhas zonas aínda se vía algo turbia. A situación no Tambre e no seu afluente o Maruzo está normalizada, pero foi un "mar de terra", din os veciños, o que chegou ao río tras a rotura da balsa. Baleirouse case por completo, e a auga e a lama anegaron as leiras veciñas ata chegar ao río.

A balsa acumulaba a auga da chuvia que empregan para limpar a pedra dunha canteira en Frades. Erimsa, a empresa propietaria da explotación, calcula que no momento da fuga podía haber unha lámina de auga de case un metro de profundidade. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu un comunicado no que sinala que se segue facendo "seguimento continuo" desa vertedura e que os técnicos desprazáronse para facer unha inspección da balsa.

Respecto diso, explicaron que a vertedura non contén carga metálica e está controlada. A empresa comprometeuse a resolver a incidencia "o máis axiña posible".

Tras avisar o 112 para que comunicase a situación aos concellos afectados (pola captación de augas e para a adopción das medidas que fosen necesarias), os técnicos tomaron mostras do río para a súa análise. 

Con todo, "pola información de que a dispón ata agora Augas e Galicia", sinalaron desde a Consellería, a vertedura "non está a ter incidencia no abastecemento" dos municipios afectados e, á espera dos resultados do laboratorio, "non é contaminante".

Trátase de áridos que tampouco provocaron mortaldade nas especies, polo que "non se espera que tampouco teña afeccións nin ás augas da ría nin aos bancos marisqueiros".

"A vertedura provocou turbidez e por ese motivo activouse o protocolo de alerta ás captacións de auga de Ames e Santiago, aínda que esa turbidez xa se reduciu moito", informou a Xunta.

Os traballos de reparación da balsa continúan, e está previsto limpar a zona para evitar que máis áridos poidan chegar ao río. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade