A Xunta activa o Plan Inungal en oito ríos por risco de inundacións
Os ríos que están en seguimento son o Mero, o Barcés, o Balsa, o Valiñas, o Cambeda, o Tambre, o Sar e o Cabeiro
A chuvia prevista para as próximas horas fará crecer de novo os caudais
A situación dos ríos foi mellorando desde o paso da borrasca Joseph, que fixo que moitos saíran do leito e anegaran vivendas, estradas e parques próximos.
Este domingo a Xunta activou o Plan Especial ante o risco de inundacións en fase de preemerxencia en 8 ríos nos concellos de Cambre, Abegondo, Cabana de Bergantiños, Culleredo, Vimianzo, Trazo, Ames e Redondela.
A chuvia prevista para as próximas horas fará crecer de novo os caudais así que deben manterse as medidas de seguridade tanto nas marxes dos encoros, como o de Cecebre, como nos ríos que van cheos, como o Tambre.
"O río Mero está en seguimento cando hai esta choiva tan acentuada, pero está tranquilo, a presa non ten problema e os cidadáns poden estar tranquilos tamén", explica Manuel Andrade, de Protección Civil de Cambre.
"Nós sempre recomendamos moita prudencia e que atendan ao que nós estamos marcando con cintas, con valados, con sinais para que eles teñan a máxima prudencia", advirte Lino López, de Protección Civil de Oroso.
Ata última hora da tarde aínda foi posible pasear polas sendas fluviais, coma no Sar, que despois da última enchente baixou decontado o seu caudal.
"Agora está baixiño, está ben e dá gusto velo pero estivo ata aquí arriba", asegura unha veciña.
"Houbo días que desbordou e cando é así non se pode pasear por aí, pero é o que hai", di outra.
Nos próximos días teremos que gardar de novo precaución nestas zonas.