A Xunta activa o Plan de vialidade invernal en Lugo e Ourense

Trátase de garantir a seguridade e a mobilidade nos 2.500 quilómetros de estrada que son de titularidade autonómica nas dúas provincias

O xoves agárdase neve por riba dos 1.000 metros

G24.gal 01/11/2023 16:01 Última actualización 02/11/2023 12:06

A Xunta activou este mércores o Plan de vialidade invernal nas provincias de Lugo e Ourense, con 170 profesionais para garantir a seguridade e mobilidade nas vías autonómicas ante as inclemencias do tempo.

Operativo en Lugo

Tal e como recolle a Xunta nun comunicado, no caso de Lugo, os seis centros operativos e os medios distribuídos pola provincia para garantir a seguridade viaria nas estradas autonómicas permanecerán en servizo desde este mércores, 1 de novembro, e ata o próximo 30 de abril.

O plan conta cun dispositivo de 58 máquinas. Estes recursos materiais permitirán a atención e o mantemento dos case 1.500 quilómetros de estradas autonómicas na provincia para alcanzar condicións de seguridade viaria, especialmente en épocas con episodios de climatoloxía adversa.

Dentro dese 1.500 km de rede, destacan que se prestará especial atención aos case 400 quilómetros que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo.

Operativo en Ourense

Por outra banda, para a provincia de Ourense, habilitouse un dispositivo con 83 profesionais e máis de 2.000 toneladas de sal e salmoira. O plan inclúe na provincia de Ourense un dispositivo de 46 máquinas. Estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos algo máis de 1.000 km de estradas autonómicas na provincia para alcanzar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa.

Dentro dese 1.000 km da rede autonómica, prestarase especial atención aos case 450 quilómetros que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade