A Xunta activará axudas para os afectados polos incendios a vindeira semana
Celebrarase un consello da Xunta extraodinario na cidade de Ourense para activar as axudas
O Goberno galego reunirase a próxima semana en Ourense, nun Consello extraordinario, para activar as axudas destinadas aos afectados polos incendios forestais destas semanas.
Así o avanzou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na primeira reunión para a habilitación de axudas para os afectados pola vaga de incendios e na que se abordaron as necesidades dos afectados para “paliar os danos que se produciron”.
O xefe do Executivo galego puxo en valor a présa da Xunta para activar axudas e pediu ao Goberno estatal que tamén actúe de forma similar para “arbitrar canto antes as axudas que van ser necesarias”.
“A mesma celeridade que a Xunta se autoimpón é o que lle pedimos ao resto de administracións”, esgrimiu o mandatario autonómico, que incidiu en que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, “comprometeuse a arbitrar axudas moi rápidas”.
Con todo, o presidente galego explicou que para “cuantificar” o total dos danos deberase esperar á extinción dos incendios, xa que os lumes afectaron tanto a explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, como establecementos comerciais e turísticos, infraestruturas municipais ou vivendas.
Así mesmo, “tamén haberá que facer actuacións para a restitución dos terreos que arderon”, entre os que destacan “moitos viñedos e moitos pastos”.
Apelou á experiencia do Estado á posta en marcha deste tipo de axudas e que debería facer que estes apoios cheguen a Galicia canto antes, en tanto que “o fixeron noutras ocasións e saben como facelo”.
Rueda insiste en pedir máis medios "de inmediato"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu a pedir ao Goberno central que envíe a Galicia "de inmediato" máis medios para combater os incendios forestais porque a comunidade necesita maquinaria pesada, medios aéreos e militares, e "deberían estar aquí xa", apostilou.
Rueda sinalou que o Goberno xa coñece as necesidades da comunidade autónoma, que segue necesitando máis maquinaria pesada, especialmente escavadoras, así como profesionais que as guíen, e medios aéreos.
Tamén reclamou que cheguen os medios correspondentes ao mecanismo de solidariedade europea xa que, desta partida de axuda, a Galicia só chegaron dous hidroavións que unicamente operaron na comunidade “durante 24 horas en total”.
Aínda que agradeceu a presenza dos medios que están no territorio como os máis de mil efectivos de extinción, os 30 medios aéreos que puideron voar desde primeira hora ou traballadores de servizos do Estado, protección civil ou sanitarios, reiterou que os medios actuais “non son suficientes”.
Por iso volveu a demandar que a nova axuda chegue “de inmediato” porque Galicia necesítaa “para onte” e non “dentro de tres ou catros días”.
“A situación complicada é agora e os medios non poden seguir chegando a contagotas”, sentenciou o presidente da Xunta.