Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta acorda abrir o canal da lagoa de Baldaio ao mar e pídelle implicación ao Ministerio

A Xunta acorda abrir o canal da lagoa de Baldaio ao mar e pídelle implicación ao Ministerio

Este enclave da Rede Natura 2000 está perdendo a conexión natural co mar provocando o deterioro das condicións ambientais 

A Consellería do Mar achegará os medios materiais para executar as actuacións de emerxencia co fin de corrixir a situación hidrolóxica actual

A conselleira de Medio Ambiente dirixiuse ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para solicitar a súa implicación na recuperación da lagoa

Imaxe da lagoa de Baldaio en Carballo Imaxe da lagoa de Baldaio en Carballo
G24.gal 06/08/2026 18:12 Última actualización 06/08/2026 18:38

As consellerías de Medio Ambiente e Mar acordaron unha proposta para "impulsar actuacións inmediatas" que permitan "corrixir a situación hidroecológica" da lagoa de Baldaio, en Carballo, a través da apertura da canle que a conecta co mar.

No proceso de conservación deste humidal, pediron implicación ao Gobierno central. A proposta de protocolo de actuación xa foi trasladada ao Concello de Carballo para a súa valoración e posible adhesión, co fin de establecer un marco de colaboración entre todas as administracións implicadas.

O protocolo establece que a Consellería do Mar achegará os medios materiais necesarios para executar as actuacións puntuais, de emerxencia e inmediatas co fin de corrixir a situación hidrolóxica actual.

Farao de acordo coas especificacións técnicas da Consellería de Medio Ambiente, que coordinará e autorizará estas actuacións. Pola súa banda, a participación do concello de Carballo articúlase no marco das súas competencias sobre a xestión, conservación e ordenación dos bens de uso público, así como de protección de no medio ambiente urbano e da salubridade pública.

Comprométese así a adoptar todas as medidas necesarias para colaborar e facilitar o desenvolvemento dos traballos previstos, en especial desde o punto de vista operativo e loxístico.

Perda da conexión natural

Esta iniciativa parte da necesidade de dar unha resposta coordinada á situación que presenta actualmente a zona húmida Marismas de Baldaio, un enclave integrado na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos no que a perda da conexión natural co mar está a provocar unha importante deterioración das condicións ambientais.

En concreto, o peche reiterado da canle de comunicación co océano dificulta a renovación da auga da lagoa, favorece episodios de anoxia e incrementa de forma significativa a temperatura da auga, o cal compromete tanto o estado de conservación dos hábitats e especies presentes neste espazo como a viabilidade da actividade marisqueira, así como as condicións adecuadas de salubridade.

Neste contexto, a proposta acordada polas dúas consellerías recolle as actuacións que, "con carácter inmediato", estarán destinadas a recuperar a funcionalidade da canle e restablecer a conexión ecolóxica entre a lagoa e o medio mariño. Así, recuperarase a canle entre o aliviadoiro e a praia a través dun deseño adaptado á dinámica natural do sistema para favorecer a circulación da auga.

A apertura da canle executarase coincidindo coa baixamar para aproveitar a propia dinámica mareal e favorecer a recuperación do intercambio natural da auga. Ademais, durante a execución dos traballos, adoptaranse as preceptivas medidas de seguridade e limitarase o tránsito de maquinaria ás áreas estritamente necesarias para minimizar a afección sobre os hábitats e as especies protexidas.

Á parte destas actuacións urxentes, o protocolo aposta tamén por abordar o futuro da lagoa desde unha perspectiva integral e a longo prazo. Para iso, prevese a creación dunha comisión técnica de seguimento -integrada por representantes das consellerías de Medio Ambiente e de Mar, do Concello de Carballo e da Demarcación de Costas do Estado- co obxectivo de compartir a información técnica dispoñible e colaborar na elaboración dunha proposta global de intervención e xestión da zona húmida.

O futuro plan establecerá as actuacións necesarias para garantir un estado de conservación favorable dos hábitats e das especies, asegurar a continuidade dos aproveitamentos marisqueiros tradicionais e propiciar un uso compatible e sostible deste espazo natural de referencia na costa galega.

Contactos co Ministerio para a Transición Ecolóxica

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, dirixiuse tamén ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para solicitar a súa implicación na recuperación da lagoa, "tendo en conta que a súa situación actual non pode explicarse unicamente por procesos naturais, senón tamén por distintas actuacións realizadas ao longo das últimas décadas sobre o dominio público marítimo-terrestre", competencia da Administración Xeral do Estado.

A través dunha carta, a responsable do Gobierno galego traslada á ministra os compromisos asumidos pola Demarcación de Costas do Estado de Galicia durante unha reunión técnica celebrada o pasado 28 de xullo e insta o departamento a impulsalos con moita brevidade.

Entre esas actuacións incluiríanse a reparación do espigón existente e a elaboración dun estudo específico sobre a dinámica litoral da praia de Baldaio co obxectivo de coñecer con maior precisión o comportamento sedimentario deste sistema costeiro e definir solucións estables e duradeiras

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade