A xuíza ordena a reconstrución do accidente que acabou coa vida dun motorista no Rosal
A xuíza tomou esta decisión ao considerar que o informe técnico solicitado non era suficiente
O avogado da parte demandante pide prisión sen fianza, ou que esta chegue aos 700.000 euros, para o acusado

A titular do Xulgado de Instrución número 2 de Tui ordenou a reconstrución do accidente mortal ocorrido a mediados de xullo no Rosal (Pontevedra), que acabou coa vida de Brais Otero, o motorista de 33 anos.
Segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a xuíza pediu a reconstrución do sinistro xa que considera que o informe técnico solicitado era insuficiente.
Tamén ordenou outras dilixencias para seguir avanzando na causa, logo de que o motorista perdese a vida o 15 de xullo cando circulaba pola CG 4.2 nas Eiras, O Rosal.
Logo do accidente, o condutor do coche subiuse no vehículo doutra persoa que circulaba pola vía e levárono ao centro médico de Tui, onde se lle perdeu a pista.
Entón, a Garda Civil iniciou unha investigación que rematou ca detención dun veciño de Murcia de 25 anos, ao que a xuíza lle impuxo prisión provisional eludible baixo fianza de 150.000 euros. O home pagou a contía e non entrou no cárcere.
O avogado da nai da vítima, Carlos Pérez Parga, confirmou a orde da xuíza de reconstruír o accidente ao Departamento de Investigación e Reconstrución de Accidentes de Tráfico (DIRAT) de Mérida.
Ademais, insistiu na súa petición de ou impoñer prisión provisional sen fianza ao investigado ou que a fianza non sexa inferior a 700.000 euros polo menos.