A "xornada perfecta" deixa os catro galegos da 1ª RFEF entre os oito primeiros
Deportivo, Celta Fortuna, Arenteiro e Lugo sumaron triunfos que os achegan aos seus obxectivos
O último partido da xornada en Primeira Federación foi o mais espectacular. O Lugo recibía o Sestao no Anxo Carro e á media hora, entre as queixas da afección, perdía por 0-3. O gol de Dacosta no minuto 31 mudouno todo e o Lugo tocou a rebato. Antonetti marcou nada máis comezar o segundo tempo e repetiu no minuto 64. A loucura desatouna Aguza no engadido co 4-3 definitivo. O Lugo sobe á oitava praza.
O encontro entre o Raio Majadahonda e o Deportivo tivo un protagonista destacado. Yeremay emerxeu con forza na xornada en que faltaban Mella e Lucas. Os coruñeses aférranse ao liderado tras os tropezos de Nástic e Ponferradina. Quedan nove xornadas para que remate a liga.
Fredi Álvarez debutaba na casa e fíxoo con vitoria. O Celta Fortuna goleou o Fuenlabrada en Balaídos. Os celestes exhibiron o seu potencial ofensivo e demostraron que malia mudar o adestrador, a idea permanece. Alfon e Fer López marcaron por partida dobre.
A vitoria do Arenteiro no campo do Sabadell completa o pleno de triunfos galegos esta xornada. O equipo que dirixe Javi Rey impúxose cun tanto de Luis Chacón. O Arenteiro é sétimo con 43 puntos. A permanencia está practicamente garantida. Aínda queda tempo para soñar con algo máis grande.