A venda de marisco en liña leva o produto fresco ás mesas de toda España
A maioría dos pedidos chegan de Madrid e o produto estrela é a centola
O temporal e a demanda disparan os prezos, pero moitos clientes foron previsores
Cigalas vivas, centola cocida e salpicón de lumbrigante. Outro encargo que viaxa do Grove a Madrid para quitar a morriña e festexar o Nadal. Aquí traballan en cadea nestes días, os de máis apuro do ano, para que en menos de 24 horas o produto chegue a destino con toda a frescura da lonxa.
"Na mañá seleccionamos a mercancía e levámola abaixo onde están os compañeiros que fan os paquetes. Aquí arriba seleccionamos o camarón, atamos a cigala, adiantamos traballo", explica Martín Mascato, traballador de mariscosogrove.com.
Na venda en liña, como na tradicional, é bo ser previsor e non agardar estes días en que os prezos se dispararon polo temporal e a demanda, sobre todo nos produtos estrela.
"O que máis sae é a centola do Grove, tamén este ano piden moita nécora. Outros anos o protagonista é o percebe, pero este ano está esaxeradamente caro", comenta Pablo Mourelos, o xerente de mariscosogrove.com.
Madrid e Barcelona son os principais destinos do marisco, que chega en furgonetas refrixeradas. Pode ir vivo, pero moitos pídeno cocido para aforrar traballo e evitar o risco de estragalo na casa cunha mala cocción.
"É por facilidade e comodidade, así non manchas a cociña. Ademais, se pides cinco centolas, tes que ter potas ben grandes na casa", engade Pablo Mourelos.
E para completar o menú, albariño e torta de Santiago. Un paquete de sabores galegos para vestir de gala as mesas de Nadal, por lonxe que estean.